TapeaPoio encara a súa última semana cunha extraordinaria acollida de público e sector

11/05/2026

A páxina web tapeapoio.gal, con información útil sobre o certame xa recibiu preto de 2.500 visitas.

TapeaPoio enfila a súa última semana logo dunha extraordinaria acollida entre veciños, visitantes e profesionais. Ata o domingo 17, a terceira edición deste certame gastronómico seguirá ofrecendo a oportunidade de degustar 28 creacións culinarias de alto nivel en 23 establecementos de todo o municipio, así como a posibilidade de gañar numerosos premios cortesía do tecido económico e empresarial poiense.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, continúa estes días a súa rolda de visitas aos 23 establecementos adheridos a esta iniciativa, onde está agradecendo persoalmente o traballo dos profesionais e comprobando in situ a resposta moi positiva do sector e do público, superando con creces a acollida das primeiras edicións e as expectativas. Así, indica que “desde o mesmo momento en que comezou o certame, estamos a recibir un feedback moi positivo de veciños, visitantes e establecementos. A calquera hora poden verse persoas soas, en parella ou en grupo visitando os locais, probando todas as tapas e superando con creces a acollida da pasada edición, que xa fora extraordinaria”. Un ambiente que, recoñece, está a contribuír tamén á dinamización da hostalaría local e á promoción do municipio como destino gastronómico, ao mesmo tempo que supón unha importante oportunidade para que os establecementos participantes se dean a coñecer, capten nova clientela e amosen ao público o resto da súa oferta gastronómica e das súas cartas.

“Estanse cumprindo os obxectivos de dinamizar o sector nun mes, maio, que moitas veces non é doado para a hostalaría. Por medio do certame moita xente vén por primeira vez a xantar ou a cear a Poio, descobren locais que non coñecían e quedan encantados, ou se achegan a probar a tapa e volven máis adiante coa súa familia e amigos”, engade.

Ese interese tamén se reflicte na web oficial do certame, tapeapoio.gal, que xa contabilizou preto de 2.500 visitas desde o inicio da ruta. A plataforma incorpora este ano novas funcionalidades para mellorar a experiencia do público, como deseñar rutas personalizadas, levar a conta das tapas degustadas, compartir recomendacións con amigos e familiares ou mesmo consultar os establecementos abertos e ubicacións en función do día e do horario.

Por iso, anima a participar no TapeaPoio “a quen estivera agardando para vir, que non agarde máis, ou a quen lle queden un par de locais por tachar, este á a súa oportunidade!”, e convida a aproveitar estes últimos días para apoiar ao sector, pero sobre todo para vivir “unha experiencia culinaria de primeiro nivel nun entorno único”. E se quedan con fame de máis, poden repetir “o resto dos 365 días do ano”.

A PARTIR DO LUNS 18, RECONTO DE VOTOS E SORTEO, E EN XUÑO O DÍA 1 XORNADA DE VALORACIÓN DO XURADO E O DÍA 8 DE XUÑO, III GALA DA HOSTALARÍA DE POIO

A partir do luns, día 18, recontaranse os votos físicos e telemáticos dos clientes para determinar as tapas galardoadas polo público en cada categoría, e farase o sorteo dos premios entre as persoas que depositaron o seu voto.

Estes premios inclúen menús degustación nos restaurantes Pepe Vieira e Casa Solla e outros, cestas de produtos de Supermercados Froiz e Conservas Pescamar, pasaxes á illa de Tambo, bonos de estancia en aloxamentos do municipio, vales para establecementos do municipio, actividades turísticas e máis.

Xa en xuño, o día 1, a partir das 9:40 h no Pazo de Colón celebrarase a reunión do xurado experto, que degustarán e valorarán as 28 tapas para outorgar o Premio do Xurado para cada categoría. Este xurado de luxo está composto polos Chefs Pepe Solla (Casa Solla) e Xosé Cannas (Pepe Vieira), que suman 3 Estrelas Michelín, a consultora culinaria e empresaria Marga Pazos e o influencer de viaxes e gastronomía Alberto Ribas (Alvientoo)

Os establecementos participantes presentarán ao longo da mañá as súas creacións ao xurado, que valorará cada categoría, Tradicional ou Creativa, segundo os criterios recollidos nas bases, puntuando a presentación, a elaboración e o resultado.

Por último, o 8 de xuño celebrarase a “III Gala da Hostalaría de Poio”, na que se darán a coñecer os premios a profesionais e público e “se porá en valor ás persoas que fan de Poio un dos grandes referentes gastronómicos e turísticos de Galicia”

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES E AS SÚAS TAPAS

Os 23 establecementos participantes ofrecerán un total de 28 tapas -18 en modalidade creativa e 10 en modalidade tradicional- a un prezo único de 4 euros por tapa.

  • Bar Coral (Raxó). Torrixa con carrillera en Modalidade creativa.
  • Café Bar Aquelo (A Seca – San Xoán). Cruxiente de mar nocturno en Modalidade creativa.
  • Cafetería Ferretti (Raxó). B de polo en Modalidade creativa.
  • Casa Angelita (Lourido – San Salvador). Carrilleras con frijoles de hummus de garavanzo en Modalidade creativa.
  • Casa Aurora (Raxó). Brioche con carrillera e crema de cítricos en Modalidade creativa.
  • Casa Ces (San Salvador). Como un porquiño en Modalidade creativa, e O cordeiro é a pera en Modalidade tradicional
  • Depiqui enpiqui (Raxó). Ensaladilla Piqui escabechada, con zamburiña en salsa de vieira e arepiña da Yude en Modalidade creativa.
  • Entrepedras (Combarro). Xudías con xamón en Modalidade tradicional
  • La Espuela (Combarro). Bocado de ouro en Modalidade creativa e Tesouro do mar á mariñeira en Modalidade tradicional
  • Lameiriña (Raxó). Zamburiña gold en Modalidade creativa.
  • Maruxa Marisqueira (Raxó). Volován de carrillera e parmentier de San Simón en Modalidade creativa e Ensaladilla de mexillón con escabeche caseiro en Modalidade tradicional
  • Mirabous (Combarro). Full Crunch Burger en Modalidade creativa.
  • Moxena’s Coffee (Combarro). Brétema de Tambo en Modalidade creativa.
  • Bocoi (Combarro). Fabas con pulpo en Modalidade tradicional
  • O Poleiro (Combarro). Leite fríto de langostino en modalidade creativa.
  • Peirao (Combarro). Combarro no camiño do mar con millo corvo e berberechos en Modalidade creativa
  • Recuncho do Lolo (O Covelo – Samieira). O pecado do Lolo en Modalidade creativa.
  • Pinela Terraza (San Xoán). Perla negra en Modalidade tradicional
  • Restaurante Evoca (Combarro). Robaliza na primavera en Modalidade creativa e Bolos de vento de bacallau en Modalidade tradicional
  • Ría de Combarro (Combarro). Mexillóns empanados en Modalidade creativa e Chipiróns encebolados en Modalidade tradicional
  • Tapería Pedramar (Combarro). Tosta de polbo grellado con queixo tetilla en Modalidade tradicional
  • Tintanegra (Combarro). Costilla grellada en Modalidade tradicional
  • Torna (Combarro). Saam de langostino en Modalidade creativa.

Toda a información sobre o certame en tapeapoio.gal

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio