Adxudicada por 755.000€ a reurbanización das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén na Caeira

05/05/2026

O proxecto permitirá renovar o firme, reorganizar o espazo público e mellorar a accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas. Inclúe unha nova conexión peonil e a creación dun espazo deportivo e infantil como punto de encontro interxeracional. A actuación forma parte do Plan A Caeira-Boavista, cun investimento global de 3,4 millóns de euros

O Concello de Poio vén de adxudicar as obras de mellora da contorna das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, na Caeira, á empresa Marconsa por un importe de 755.044,03 euros.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, destacou que esta actuación “permitirá transformar un ámbito moi deteriorado nun espazo máis accesible, seguro e pensado para as persoas”. Neste sentido, subliñou que o proxecto suporá unha reurbanización integral da zona, coa renovación do firme e a reorganización do espazo público.

As obras, que teñen un prazo de execución de dez meses, inclúen tamén a mellora das infraestruturas, coa execución dun novo sistema de drenaxe, canalizacións soterradas e a renovación do alumeado público. Asemade, eliminaranse barreiras arquitectónicas para facilitar a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza.

Entre as actuacións previstas, figura a creación dunha conexión peonil entre as rúas Río Sil e Río Tambre, mediante o acondicionamento da corredoira existente con novo firme e escaleiras. Ademais, rehabilitarase o espazo deportivo e infantil da contorna, que será transformado nun punto de encontro interxeracional, con campo multideportivo, zona de xogos e bancada.

Marcial García puxo en valor que “non só melloramos as infraestruturas, senón que tamén creamos novos espazos de encontro para o lecer e o deporte”.

Este proxecto está financiado integramente pola Deputación de Pontevedra, a través do plan +Provincia, e é unha das actuacións que o Concello de Poio inclúe no Plan A Caeira-Boavista. Un plan que en global ascende a 3,4M€ e que inclúe outros proxectos con actuacións tamén en Illa de Ons, Illa de Tambo, Río Miño, San Antoniño e Illa de San Simón, entre outras.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio