O obxectivo é impulsar un programa con actividades prácticas para fomentar exercicio físico, alimentación saudable e descanso de calidade. En colaboración coa REGAPS, inclúen almorzos saudables, andainas pola contorna e sesións sobre a hixiene do sono por todas as parroquias. Destinado a maiores de 55 anos, xa se poden anotar na Alcaldía ou no teléfono 986 77 00 01.
O Concello de Poio súmase á Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) para impulsar unha proposta destinada a favorecer e consolidar hábitos de vida saudables no día a día da veciñanza.
O alcalde, Ángel Moldes, xunto ás concelleiras de Saúde, Tamara González, e de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, así como da terapeuta ocupacional do REGAPS na provincia, Aldara Fernandez, están visitando ao alumnado do programa Saudemente para explicarlles o contido destas accións, que inclúen hixiene do sono, alimentación saudable e promoción da actividade física.
Están destinados á poboación maior de 55 anos, que poden anotarse de forma gratuíta nos distintos obradoiros na Alcaldía do Concello de Poio ou a través do teléfono 986 77 00 01. Non é necesario participar en todas as actividades, xa que a inscrición é flexible e permite anotarse nun, en varios ou na totalidade dos obradoiros.
Todas as sesións terán un enfoque práctico para facilitar a aprendizaxe e a integración de novos hábitos. O obxectivo é que a cidadanía incorpore rutinas saudables que contribúan a previr enfermidades, mellorar o benestar físico e emocional e favorecer un envellecemento activo
SESIÓNS E HORARIOS
A través do programa de alimentación saudable organizaranse almorzos saudables a través dos que se incidirán nos conceptos básicos da alimentación mentres os participantes realizan un almorzo saudable:
- Luns 20 de abril, 4 de maio e 1 de xuño no Local Municipal de Campelo;
- Xoves 23 de abril, 7 de maio e 4 de xuño no Centro Cultural Xaime Illa;
- Venres 24 de abril, 8 de maio e 5 de xuño no Local Municipal da Reiboa.
- Todos eles serán en horario de 11.00 a 12.00 horas.
As sesións sobre Hixiene do Sono tratarán sobre a importancia de ter un sono reparador, e presentarán ferramentas útiles como o diario e un cuestionario sobre os hábitos de sono.
Estas sesións impartiranse todos os mércores do 22 de abril ao 20 de maio polos diferentes espazos municipais:
- Mércores 22 de abril ás 10.00 horas impartirase no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, e ás 11.30 horas será no Local Municipal de Arén, en Samieira.
- Mércores 29 de abril a sesión impartirase na Escola de Campo de Combarro (10.00 horas) e Escola de Tarrío, en Samieira (12.00 horas).
- Mércores 6 de maio celebrarase no Local Municipal da Ucha (10.00 horas) e no Local Municipal da Reiboa (12.00 horas).
- Na Casa Social de Vilariño será o mércores 6 de maio, ás 10.00 horas, así como no Local Municipal de Campelo (12.00 horas).
- Por ultimo, na Casa Rosada celebrarase o mércores 20 de maio, ás 12.00 horas.
Por último, respecto ao programa Camiña e Conecta, que promove a actividade física mediante andainas pola contorna, é un programa que ten unha duración de oito semanas e que a través da promoción do exercicio físico e das andainas incorpora consellos sobre estilos de vida saudables como a alimentación ou o benestar emocional. Os percorridos que se inclúen serán andainas entre Lourido-Campelo, O Covelo-Raxó e Campelo-A Reiboa.