Ángel Moldes sinala que a loita contra a violencia machista require dunha resposta firme, coordinada e sostida no tempo, e pon en valor o traballo conxunto de todos os profesionais implicados. Durante o encontro, revisáronse as últimas cifras de denuncias, ordes de protección de vítimas e afastamento de agresores, e fíxose unha análise pormenorizada do traballo realizado polo Centro de Información á Muller de Poio.
A Mesa Local contra a Violencia de Xénero de Poio reuniuse esta mañá para abordar, de xeito conxunto, todos os temas relacionados coa atención ás vítimas e coa prevención da violencia machista no municipio.
A mesa estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa participación da xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller en Pontevedra, María José Rodríguez, con representantes da EMUME e do equipo de violencia da Garda Civil de Pontevedra, do Centro de Información á Muller de Poio e Servizos Sociais, da Policía Local, ademais das orientadoras dos centros de ensino do municipio e representantes dos centros de saúde, así como das concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González.
Todas as persoas asistentes incidiron na importancia da coordinación e da detección precoz e prevención para loitar contra a violencia machista e a súa erradicación. Ademais, Ángel Moldes recordou que a loita contra a violencia machista require dunha resposta firme, coordinada e sostida no tempo, e puxo en valor o traballo conxunto de todos os profesionais implicados. Así mesmo, subliñou que “a prevención e a detección precoz son fundamentais para protexer ás vítimas e avanzar cara á erradicación desta lacra social”, ao tempo que reafirmou o compromiso do Concello de Poio “con todos os recursos necesarios para garantir unha atención integral e de calidade ás mulleres”.
Durante o encontro, revisáronse as últimas cifras de denuncias, ordes de protección de vítimas e afastamento de agresores, e fíxose unha análise pormenorizada do traballo realizado polo Centro de Información á Muller de Poio, que en 2025 atendeu un total de 249 consultas, o que supón un incremento do 18% respecto ao ano anterior. Unha cifra que reflicte tanto a crecente confianza das usuarias neste recurso municipal como a importancia do CIM como servizo de referencia en materia de igualdade, asesoramento e apoio ás mulleres.
Do total das 249 consultas rexistradas en 2025, 106 corresponden a consultas realizadas por vítimas de violencia machista (un 27% máis de consultas con respecto ao ano anterior), ás que se lle presta unha atención integral que inclúe apoio psicolóxico especializado e asesoramento xurídico e xudicial, ademais de tramitarlle xestións que sirvan para cubrir necesidades básicas. De ser o caso, tamén se lles deriva ás traballadoras de Servizos Sociais ou ao departamento de Orientación Laboral, en función das súas necesidades.