O Servizo de Atención Temperá de Poio pon en marcha un grupo de Lactación para familias

06/04/2026

Dirixido a nais e pais que desexen acompañamento no seu proceso de alimentación dos seus bebés, xa sexa mediante lactación materna ou con biberón. A primeira sesión celebrarase na Casa Rosada o 30 de abril, e as persoas interesadas en participar xa se poden inscribir nas redes sociais e web municipal.

O Servizo de Atención Temperá do Concello de Poio impulsa a creación dun Grupo de Lactación dirixido a nais e pais que desexen acompañamento no seu proceso de alimentación dos seus bebés, xa sexa mediante lactación materna ou con biberón.

Este grupo nace co obxectivo de ofrecer un espazo de encontro no que as familias poidan compartir experiencias, resolver dúbidas e expresar inquedanzas con outras persoas que se atopan en situacións similares, favorecendo así o apoio mutuo.

As sesións desenvolveranse nun ambiente seguro, respectuoso e de confianza, no que as persoas participantes poderán sentirse escoitadas e acompañadas. Ademais, contarán coa orientación dunha fisioterapeuta do servizo, profesional con formación específica en lactación e especializada no acompañamento ás familias nesta etapa.

O grupo reunirase cunha periodicidade aproximada de tres semanas, facilitando así a continuidade no apoio e o seguimento das necesidades das familias participantes. A primeira sesión terá lugar o vindeiro 30 de abril na Casa Rosada, en horario de 16.30 a 18.30 horas.

Para participar, abonda con cubrir a folla de inscrición, dispoñible nas redes sociais do Concello de Poio, na súa páxina web e tamén no propio Servizo de Atención Temperá, situado na Casa Rosada. Terán prioridade as persoas empadroadas en Poio; non obstante, no caso de existir prazas dispoñibles, tamén poderán asistir familias doutros concellos.

Desde o Concello de Poio anímase a todas as familias interesadas a participar nesta iniciativa, que busca reforzar o benestar tanto dos bebés como das persoas coidadoras.

INSCRICIÓNS:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSezCHNlBYfALJnGK62D5uqf7-j0akE-NP7RmBEa3clH23xPKA/viewform

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio