Poio dá un paso clave na creación do Centro de Maiores tras acadar preto de 807.000 euros de fondos provinciais

20/03/2026

O proxecto, que conta cun orzamento de preto de 1,1M€, proporcionará atención integral ás persoas usuarias, incluirá un espazo de encontro interxeracional e reservará unha ampla zona verde con áreas de xogos tradicionais. Ángel Moldes: “estamos moi próximos a facer realidade un proxecto estratéxico e imprescindible para a nosa veciñanza”.

O Concello de Poio dá un paso clave na creación do futuro Centro de Maiores, en Campelo, tras acadar preto de 807.000 euros a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Este financiamento permitirá impulsar un proxecto cun investimento global próximo aos 1,1 millóns de euros.

O alcalde, Ángel Moldes, amosa a súa satisfacción porque “estamos moi próximos a facer realidade un proxecto estratéxico e imprescindible para a nosa veciñanza: crear un espazo de referencia no noso municipio, un punto de encontro que vai proporcionar unha atención integral para as persoas maiores”.

Neste senso, indica que “é un avance máis a todo o que levamos traballado desde que chegamos ao Goberno local. Este é o mandato dos feitos, estamos situando as persoas e as políticas sociais no centro da acción de Goberno”. Así, recorda que “tiñamos un compromiso firme para construír este Centro de Maiores, e desde o primeiro momento traballamos para conseguilo”. O rexedor lembra que o Concello adquiriu a antiga gardería de Campelo a principios de 2024, coa intención de convertela “nun referente na atención ás persoas maiores e nun revulsivo social e económico para toda a contorna de Campelo”. A partir de aí, traballaron na redacción dun proxecto “moi completo, estudado e que vai responder ás necesidades de atención, agarimo, actividade e socialización dos maiores, pero tamén de apoio e respiro para as súas familias” e, xa cando tiveron oportunidade, buscaron o financiamento para poder executalo.

O proxecto deseñado contempla dous posibles usos dentro do Centro de Maiores. Por unha parte, un espazo de uso múltiple como punto de encontro interxeracional e reserva unha ampla zona verde de esparcemento, con áreas de xogo e lecer, que contará cun campo de petanca, o tradicional xogo da rá, e varias mesas de xadrez e parchís. A outra parte está pensada como un centro ou espazo destinada a persoas maiores con espazos para facer talleres e gran diversidade de actividades, cunha distribución e espazos configurados para converterse nun centro de día especializado para persoas con problemas de deterioro cognitivo ou alzhéimer.

“O noso obxectivo é reforzar a rede de servizos sociais de proximidade, mellorar a calidade de vida da poboación maior e avanzar na cohesión social e territorial”, destaca o alcalde.

A reconversión da antiga gardería permitirá ofrecer atención profesional sen que as persoas usuarias teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo a permanencia no fogar e o apoio ás familias. O centro ofrecerá servizos como programas de estimulación cognitiva, rehabilitación, comedor adaptado, transporte ou acompañamento, contribuíndo así ao benestar das persoas usuarias e reducindo a necesidade de hospitalizacións.

O alcalde tamén pon o foco na realidade demográfica do municipio: máis do 20 % da poboación de Poio supera os 65 anos e arredor de 1.000 veciños teñen máis de 80. “Debemos adaptar os servizos a esta realidade. Os proxectos públicos teñen que estar ao servizo das persoas e contribuír a facer de Poio un lugar mellor para vivir, en todas as etapas da vida”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio