A III Xuntanza de Maiores de Poio xa ten data: celebrarase o 19 de abril na Seca

16/03/2026

Ángel Moldes destaca que “é xa un evento consolidado e moi esperado, que cada ano reúne a centos de persoas nun ambiente de reencontro e compañeirismo”.

A terceira Xuntanza de Maiores do Concello de Poio xa ten data: celebrarase o domingo 19 de abril. A carpa instalada na Reiboa, na Seca, converterase unha vez máis nun gran punto de encontro para persoas maiores tanto do municipio como doutros concellos.

Tras o éxito das edicións anteriores, esta iniciativa consolídase como unha das citas máis destacadas do calendario social do municipio para as persoas maiores. De feito, na edición do ano pasado participaron máis de 500 persoas, confirmando a gran acollida dunha proposta pensada para promover a convivencia, o lecer e o envellecemento activo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, salienta que “para este goberno os maiores son unha prioridade, e por iso apostamos por reforzar actividades e propostas que promovan un envellecemento activo e amplíen a oferta de ocio e lecer das persoas de máis idade”. Ademais, subliña que a Xuntanza de Maiores “é xa un evento consolidado e moi esperado, que cada ano reúne a centos de persoas nun ambiente de reencontro e compañeirismo”.

A xornada comezará ás 13.00 horas e incluirá xantar —con callos, carne ao caldeiro, bebidas e sobremesa—, baile coa música en directo do Dúo Prisma e sorteo de agasallos entre as persoas participantes. “Queremos que esta xuntanza sirva como punto de encontro para os maiores de todo o municipio, unha escusa perfecta para compartir unha xornada de lecer e convivencia todos xuntos”, engade Moldes.

As persoas interesadas en asistir poderán retirar os seus convites a partir deste venres, 20 de marzo, no Pazo Besada, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O prezo da actividade é de 25 euros.

O primeiro prazo de inscrición estará reservado exclusivamente para a veciñanza empadroada en Poio —persoas xubiladas ou pensionistas maiores de 60 anos—, que poderán adquirir as súas entradas ata o 1 de abril. Posteriormente, entre o 6 e o 14 de abril, abrirase un segundo prazo de inscrición para persoas doutros concellos que desexen participar na III Xuntanza de Maiores de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio