Combarro e a Avenida San Xoán estrean pasos de peóns con sensores e iluminación que reforzan a seguridade

16/03/2026

Estas actuacións enmárcanse nun plan progresivo do Concello de Poio para actuar, pouco a pouco, en todos os pasos de peóns da PO-308 ou, cando menos, nos máis transitados de cada parroquia, desde A Barca ata Raxó.

Activados dous pasos de peóns intelixentes, con sensores e iluminación en Combarro e na Avenida de San Xoán para mellorar a visibilidade e seguridade na zona. Trátase dun plan municipal que se irá completando de xeito progresivo nos pasos máis transitados da PO-308, desde A Barca ata Raxó.

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, estes dispositivos incorporan sensores que activan luces LED nas sinais verticais cando detectan a presenza de peóns nas proximidades. Ademais, intensifican a iluminación sobre o paso de peóns mentres as persoas cruzan, facilitando que os condutores poidan velas con maior claridade, especialmente durante a noite ou en condicións meteorolóxicas adversas.

Estas actuacións realizáronse integramente con fondos propios do Concello de Poio e con operarios municipais. No caso de Combarro, os farois con destellos azuis instaláronse no paso de peóns situado na proximidade do supermercado Froiz e da parada do autobús escolar, unha zona con tránsito habitual de veciños e estudantes.

En canto á Avenida de San Xoán, a visibilidade mellorouse tamén con estes farois e, ademais, movendo uns metros o paso de peóns para situalo á altura de Gráficas Anduriña.

Moldes recorda que “a PO-308 é unha das vías con maior densidade de tráfico da provincia, polo que resulta importante e imprescindible poñer a disposición da cidadanía todas as medidas necesarias para garantir a súa seguridade, máxime cando, nestes puntos xa se teñen rexistrado varios accidentes”. Así, con estas intervencións, o Concello dá resposta ás peticións realizadas polos veciños e polos negocios das zonas, que demandaban unha solución para incrementar a seguridade viaria.

Segundo avanza, estas actuacións enmárcase nun plan progresivo para actuar, pouco a pouco, en todos os pasos de peóns da PO-308 ou, cando menos, nos máis transitados de cada parroquia, desde A Barca ata Raxó. “O obxectivo é reforzar a seguridade viaria e reducir riscos en puntos con elevada circulación de vehículos”, engade.

Neste sentido, lembra tamén que nas obras que actualmente están a desenvolver o Concello de Poio e a Xunta de Galicia na Avenida da Barca xa está contemplada a mellora da visibilidade e resaltos nos pasos de peóns, co fin de garantir unha mobilidade máis segura tanto para peóns como para condutores.

Por último, sinala que “este tipo de actuacións forman parte do compromiso do Goberno local coa seguridade e coa mellora continua das infraestruturas viarias en todas as parroquias do municipio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio