Na relación enviada ao Goberno central inclúense danos en pasarelas de madeira, camiños, instalacións municipais e praias.
O Concello de Poio trasladou ao Goberno central unha estimación de danos de preto de 400.000 euros provocados polos temporais de choiva e vento rexistrados durante este inverno.
Entre a relación de danos, inclúense os 30.000 euros de gasto de toda a maquinaria precisa para retirar e recoller os materiais e residuos acumulados nas praias e protexer así os bancos marisqueiros, principalmente na praia de Cabeceira, en Lourido. Uns traballos realizados en colaboración coas mariscadoras e coordinados polo biólogo da lonxa de Campelo.
Na relación remitida tamén figuran danos en pasarelas de madeira na zona dos muíños de Samieira e nos paseos de Chancelas e Sinás, cun custo estimado de 175.000 euros.
No que respecta ás instalacións municipais, os temporais provocaron danos nos tellados da Casa Museo de Colón e do Pazo Besada, así como nos baños do campo de fútbol da Seca. O conxunto destas reparacións ascende a 31.500 euros.
Por último, tamén se rexistraron desperfectos no firme de diversas rúas e camiños municipais, entre eles na Bouza, en Chancelas, na rúa do Adro, na 4ª Travesía da Seara e en Viñas. Neste caso, os danos teñen unha valoración aproximada de 88.000 euros.
O Concello de Poio remitiu xa esta relación de incidencias co obxectivo de poder acceder ás axudas habilitadas polas administracións estatais para facer fronte aos danos provocados polos temporais.