O Concello avanza na creación da piscina da Seca

24/01/2026

Inicia o proceso para aprobar o Plan Especial que permitirá ordenar urbanisticamente máis de 56.000 m², regularizar e mellorar os equipamentos deportivos existentes e construír as novas instalacións.

O Concello de Poio vén de dar un novo paso para avanzar na creación dun gran complexo deportivo na Seca, incluída “a tan demandada piscina municipal”. Confirmouno esta mañá o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que anuncia que se inicia o proceso para aprobar o Plan Especial de Instalacións e Dotacións (PEID), un trámite imprescindible para poder construír a piscina municipal, xa que vai permitir ordenar urbanisticamente máis de 56.000 metros cadrados, regularizar e mellorar os equipamentos deportivos existentes e crear as novas instalacións. “Un trámite co que cada vez estamos máis preto de dárlle a Poio unhas infraestruturas como as que necesita e merece a nosa veciñanza”, indica.

O Concello xa remitiu estes días á Consellería de Medio Ambiente o borrador do PEID da piscina e os documentos ambientais estratéxicos para a súa avaliación. Ao rematar o trámite ambiental, o plan especial será levado a pleno para a súa aprobación inicial e poderá comezar a seguinte fase, que é a busca de financiamento e a execución da piscina municipal de Poio, entre outros proxectos, “facendo realidade o que outros foron incapaces durante 28 anos”.

Neste sentido, Moldes recoñece que “nunca se chegou tan lonxe no procedemento urbanístico necesario para a construción da piscina”, e destaca o importante traballo realizado neste tempo pola concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, e todo o departamento, “conscientes de que este é un proxecto prioritario para o Goberno local”.

A redacción deste plan especial e dos documentos ambientais estratéxicos sacouse a licitación hai pouco máis de un ano cun investimento de preto de 50.000 euros. Moldes sinala que “a redacción e aprobación deste plan é o procedemento máis complicado, longo e complexo, e estase facendo nun tempo moi razoable”. Un prazo que, ao seu xuízo, deixa en evidencia a falta de acción do anterior goberno municipal: “Vén a demostrar que de terse iniciado no ano 2020, hoxe estariamos falando de proxectos e investimento dunha infraestrutura que a veciñanza leva anos agardando”.

Moldes recorda que en 2020 o Pleno aprobou por unanimidade unha moción que esixía ao Goberno local daquel momento a adaptación urbanística dos terreos da Seca. “O Tripartito votou a favor pero non moveu un só papel. Houbo que esperar ao cambio de Goberno para comezar a dar os pasos necesarios para que a piscina sexa unha realidade o antes posible”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio