O CIM de Poio prestou asesoramento a 249 mulleres en 2025, un 18% máis que o ano anterior

16/01/2026

Trátase dun servizo prioritario e esencial de atención ás mulleres do municipio, un recurso fundamental, gratuíto e confidencial. A atención ás vítimas de violencia machistas centrou 106 consultas, que inclúen unha atención integral con apoio psicolóxico especializado e asesoramento xurídico e xudicial, ademais de tramitación de prestacións e recursos.

O Centro de Información á Muller de Poio, situado no Pazo Besada, atendeu un total de 249 consultas durante 2025. Unha cifra que supón un incremento do 18% respecto ao ano anterior. Esta cifra reflicte tanto a crecente confianza das usuarias neste recurso municipal como a importancia do CIM como servizo de referencia en materia de igualdade, asesoramento e apoio ás mulleres.

O CIM de Poio ofrece asesoramento xurídico e atención psicolóxica, ademais de información e acompañamento social, consolidándose como un servizo prioritario e esencial, de carácter gratuíto e confidencial, dirixido a dar resposta ás distintas necesidades das mulleres do municipio.

Segundo a memoria anual, entre as consultas máis demandadas por parte das usuarias destacan aquelas relacionadas cos procesos de familia, como por exemplo as terapias de parella ou familiares, intervención en situacións de crise, separacións e divorcios, réximes de custodia, reclamacións de pensións e alimentos, así como información e tramitación dos recursos existentes: procura de casa de acollida, vivenda, asesoramento en recursos e solicitude de diferentes prestacións, recursos e apoio social.

Do total das 249 consultas rexistradas en 2025, 106 corresponden a consultas realizadas por vítimas de violencia machista (un 27% máis de consultas con respecto ao ano anterior), ás que se lle presta unha atención integral que inclúe apoio psicolóxico especializado e asesoramento xurídico e xudicial, ademais de tramitarlle xestións que sirvan para cubrir necesidades básicas. De ser o caso, tamén se lles deriva ás traballadoras de Servizos Sociais ou ao departamento de Orientación Laboral, en función das súas necesidades.

Unha vez realizada a memoria anual do servizo, o Concello de Poio convocará nas vindeiras semanas a Mesa Local de Violencia, un órgano de coordinación no que participan membros do Goberno local, profesionais do CIM e dos Servizos Sociais, así como representantes da Policía Local e Garda Civil, co obxectivo de avaliar os datos, mellorar a coordinación e reforzar as actuacións de prevención e atención ás vítimas.

Ademais da atención psicolóxica e xurídica individualizada, o CIM de Poio desenvolve ao longo do ano diversas actividades de apoio, prevención e sensibilización. Entre elas destacan os Espazos Concilia impulsados polo Concello para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, así como as campañas de sensibilización con motivo do 8 de marzo e do 25 de novembro, con propostas especialmente dirixidas á infancia e á mocidade do municipio. Estas iniciativas céntranse en trasladar aos escolares e á xente nova valores como a igualdade, o respecto, o consentimento e a prevención da violencia machista, fomentando unha actitude crítica e comprometida coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio