A Illa de Tambo confirma a súa riqueza arqueolóxica tras os últimos traballos de investigación

21/12/2025

A Xunta de Galicia e o Concello de Poio impulsaron unha nova intervención arqueolóxica na illa, co obxectivo de afondar no coñecemento histórico deste espazo.

Os traballos arqueolóxicos realizados nas últimas semanas na Illa de Tambo, impulsados polo Concello de Poio e a Xunta de Galicia, concluíron cun balance moi positivo, confirmando a existencia dun conxunto de restos patrimoniais de grande valor histórico e científico, susceptibles de ser obxecto de futuras investigacións.

Confirman o extraordinario potencial patrimonial da Illa de Tambo, que abrangue desde épocas antigas ata case a actualidade. A preservación da illa grazas ao seu uso como zona militar favoreceu que o estudo da súa realidade arqueolóxica sexa de grande importancia.

As actuacións realizadas por Tempos Arqueólogos, que incluíron tarefas de prospección arqueolóxica intensiva e a realización de diversas sondaxes valorativas, permitiron documentar evidencias de ocupación continuada na illa ao longo de distintos períodos históricos, desde a Idade do Ferro (coas estruturas de terrazas do Castro de Tambo) ata a presenza militar con numerosas estruturas e inscricións datadas do século XX.

Con anterioridade a este proxecto xa se coñecían indicios dunha ocupación antiga da illa, como o petróglifo localizado na rocha Tafoni ou os niveis constatados no perfil da praia nos anos 90. A estes datos sumouse o achado dun fragmento de tégula, que apuntaba á posibilidade dunha ocupación entre a Idade Antiga e a Alta Idade Media.

As escavacións realizadas agora, permitiron ampliar e confirmar estes datos. A realización da cata valorativa na contorna do xacemento da Area da Illa posibilitou a documentación dunha posible fogueira ou fogar asociada a niveis interpretados nos anos 90 como momentos pertencentes ao Bronce Final. Do mesmo xeito, a cata realizada na contorna do Castro de Tambo permitiu recuperar material da Idade do Ferro, corroborando a ocupación da illa neste período.

Especial relevancia ten tamén a cata realizada nas inmediacións da fonte de San Miguel, onde se recuperou material romano nun contexto primario, o que indica de xeito claro a presenza romana na illa.

Outra das sondaxes aportou tamén resultados positivos co rexistro de material cerámico de cronoloxía medieval, cun contexto pechado asociado a estruturas documentados no ano 2023 no alto da illa. Estas estruturas interprétanse como parte dun posible complexo ermitán, unha hipótese baseada nas fontes escritas, entre elas Frei Martín Sarmiento, quen fai referencia á presenza de ermitáns e monxes e á ocupación continuada do territorio da illa.

Os traballos completáronse cunha nova sondaxe no interior do antigo lazareto, co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre a súa construción e os usos posteriores ao seu abandono a finais do século XIX.

Esta nova intervención arqueolóxica na Illa de Tambo foi impulsada pola Xunta de Galicia e o Concello de Poio, co obxectivo de afondar no coñecemento histórico deste espazo. A través do convenio asinado, a administración autonómica financia o 100 % dos traballos, cun orzamento total que ascende a preto de 30.000 euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio