Investimento de 50.000 euros para a pavimentación do camiño da Bouza e da Travesía do Muíño

29/11/2025

Esta actuación enmárcase dentro dun plan máis ambicioso para mellorar e completar todos os camiños entre a contorna do cemiterio coa Bouza e a zona da Ponte dos Demos, en San Xoán.

O Concello de Poio investirá 50.000 euros na pavimentación do camiño da Bouza e da Travesía do Muíño, unha actuación que se executará ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2026 da Xunta de Galicia. O Goberno local vén de asinar o convenio con Medio Rural que permitirá facilitar e garantir este investimento.

Esta actuación enmárcase nun plan máis amplo impulsado polo Goberno local para mellorar e completar todos os camiños e viais que conectan a contorna do cemiterio coa Bouza e coa zona da Ponte dos Demos, na parroquia de San Xoán.

O concelleiro de Obras e Servizos explica que estes 50.000 euros corresponderán á primeira fase da actuación. Ao tratarse dunha axuda financiada integramente pola administración autonómica, foi necesario delimitar os tramos incluídos nesta convocatoria, priorizando aqueles que presentan un maior deterioro e que levan catro anos sendo solicitados polos veciños.

Aínda así, o responsable municipal recalca que o obxectivo do Goberno local é estender esta mellora ao conxunto da contorna, completando a renovación integral do pavimento en todos os camiños que unen esta contorna.

Por último, subliña que con este proxecto o Goberno local reafirma o seu compromiso pola mellora e mantemento da rede de camiños municipais, cun programa de investimentos que está chegando a todas as parroquias e que permite avanzar e resolver actuacións demandadas desde hai décadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio