Éxito das sesións de memoria para adultos, en colaboración coa asociación Ensinamos, na Aula Cemit de Poio

11/11/2025

O Concello de Poio recolle a proposta das participantes e programa clases de memoria para maiores todos os luns na aula de novas tecnoloxías de Combarro. O alcalde Ángel Moldes e a concelleira Tamara González entregaron os diplomas ás participantes.

O Concello de Poio e a asociación Ensinamos clausuraron onte con gran éxito as sesións “Exercita a túa memoria”, unha iniciativa dirixida a persoas adultas e maiores que, desde finais de setembro, se viñeron desenvolvendo na Aula Cemit de Combarro. O programa tiña como obxectivo fomentar o envellecemento activo e ofrecer ferramentas para manter a mente en forma a través de actividades lúdicas e dinámicas.

A excelente acollida e o gran interese que espertou entre as persoas participantes, fixeron que o Goberno local decidise dar continuidade ao programa, establecendo sesións de memoria de carácter permanente todos os luns, de 16.00 a 18.30 horas, na aula de novas tecnoloxías de Combarro.

Durante o acto de clausura, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Espazos Municipais e Novas Tecnoloxías, Tamara González, achegáronse ata a Aula Cemit para felicitar ao grupo participante e facer entrega dos diplomas. Moldes destacou o “valor deste tipo de propostas, que non só contribúen a mellorar a memoria e a estimulación cognitiva, senón que tamén favorecen a socialización e o benestar emocional das persoas maiores”. Engadiu ademais que “escoitar é fundamental para acertar na programación de actividades. Este Goberno escoita, atende e actúa, e por iso, a petición das propias participantes, decidimos poñer en marcha de maneira inmediata novos talleres de memoria”. As inscricións pódense facer na propia Aula Cemit, situada na Escola do Campo de Combarro.

Por último, subliñou que a Aula Cemit “segue a consolidarse como un espazo aberto á veciñanza, onde as novas tecnoloxías se poñen ao servizo da aprendizaxe, da convivencia e da mellora da calidade de vida”.

Ao longo das últimas semanas, as persoas participantes realizaron actividades centradas na estimulación mental, a percepción visual e a motricidade fina, empregando xogos de memoria, puzzles, debuxos e exercicios con cores. O enfoque práctico e ameno das sesións contribuíu a crear un ambiente participativo e motivador, no que as persoas asistentes puideron comprobar os beneficios de manter a mente activa.

O Concello de Poio aposta por programas formativos e de estimulación cognitiva orientados ás persoas maiores, co obxectivo de fomentar unha vida activa e saudable en todas as etapas da vida. Estes talleres de memoria completan a ampla programación que ten actualmente en marcha en todas as parroquias destinada ás persoas maiores, e que inclúe o programa Saudemente, así como clases de taichí, pilates e manualidades, entre outras actividades que promoven o benestar físico e emocional.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio