Cruz Roja presenta en Poio o servizo gratuíto de teleasistencia “Voces en Red” para maiores de 65 anos

06/11/2025

O programa busca dar resposta a un dos grandes retos sociais actuais: a soidade non desexada. Estes dispositivos permiten realizar videochamadas con familiares e amigos, escoitar música, xogar, acceder a contidos culturais ou seguir rutinas guiadas de exercicios de mobilidade articular, entre outras funcionalidades.

Cruz Roja presentará en Poio o servizo gratuíto de teleasistencia “Voces en Red”, unha iniciativa promovida xunto coa Fundación Amancio Ortega que ten como obxectivo loitar contra a exclusión social e fomentar a inclusión dixital, a atención personalizada e a mellora do benestar das persoas maiores. O programa busca dar resposta a un dos grandes retos sociais actuais: a soidade non desexada.

Para dar a coñecer este novo recurso, organizarase unha xornada informativa o martes 18 de novembro, ás 17:00 horas, na Casa Rosada de Poio, onde persoal de Cruz Roja explicará as vantaxes de contar con este servizo, así como o seu proceso de instalación e funcionamento.

O proxecto “Voces en Red” pretende achegar as persoas maiores aos seus contornos sociais máis próximos, como familiares e amizades, favorecendo a súa integración e participación activa na sociedade.

A proposta combina o acompañamento do voluntariado co uso de asistentes de voz, unha tecnoloxía innovadora e de sinxelo manexo que pode activarse mediante comandos de voz. Estes dispositivos permiten realizar videochamadas con familiares e amigos, escoitar música, xogar, acceder a contidos culturais ou seguir rutinas guiadas de exercicios de mobilidade articular, entre outras funcionalidades. Ademais, contan cun temporizador para lembrar a toma de medicación, o que contribúe á seguridade e autonomía das persoas usuarias.

O acompañamento do voluntariado de Cruz Roja garante un proceso de aprendizaxe accesible e próximo, reforzando o vínculo humano e a participación social das persoas maiores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio