Ademais desta actividade, organízanse tamén durante todo o curso clases de pilates, taichi, ioga, corte e confección e labores do mundo, así como ensaios co coro e co grupo de teatro.
Preto de 130 persoas maiores de 60 anos participan este curso no programa Saudemente, unha actividade organizada polo Concello de Poio que percorre de xeito itinerante todas as parroquias do municipio. O obxectivo principal é favorecer o coidado emocional e físico das persoas participantes, promovendo á vez a socialización, o exercicio mental e a creación de espazos saudables.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou o Espazo Municipal da Ucha para inaugurar a actividade, que este ano se organiza por primeira vez neste lugar e o fai con éxito de participación, con todas as prazas cubertas. Unhas sesións que tamén se organizan na Casa Rosada, na Seca, Campelo, Raxó, Samieira, Combarro e Vilariño. “Estamos a falar dunha etapa da vida na que, coa chegada do cese da actividade laboral, moita xente pode caer no illamento. Por iso é tan importante ofrecer espazos de encontro e ambientes amigables que fomenten a participación social e o benestar”, indicou o alcalde.
As sesións de Saudemente combinan exercicios físicos moderados, dinámicas de estimulación cognitiva e actividades lúdicas orientadas a mellorar o ánimo e a memoria. A metodoloxía busca que as persoas maiores se sintan activas, acompañadas e motivadas, nun ambiente próximo e participativo.
Ademais deste programa, o Concello de Poio mantén unha ampla oferta de cursos e actividades ao longo de todo o curso, entre as que se inclúen pilates, ioga, taichi, corte e confección, labores do mundo, coro e teatro. Todas elas comparten un mesmo obxectivo: fomentar un envellecemento activo, saudable e participativo, potenciando a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores.
“É importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas. Estas tres cuestións repercuten directamente nunha maior calidade de vida e nunha sociedade máis cohesionada”, engadiu Moldes.
O Concello de Poio reafirma así o seu compromiso coa posta en marcha de políticas de benestar e envellecemento activo, achegando servizos e actividades a todas as parroquias para garantir que ningunha persoa maior quede atrás.