A escritora Carolina Outeda presenta este domingo en Poio o libro de poemas “Antes de preguntarnos el porqué”

21/10/2025

Na Biblioteca Municipal celebrarase o venres o Día das Bibliotecas cun xogo educativo para as familias, a partir das 17.30 horas. O sábado péchase a mostra de teatro Outeiro Grande coa presentación de “A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor”, da compañía A&Z Producións.

A escritora pontevedresa Carolina Outeda presentará este domingo, 26 de outubro, o seu libro “Antes de preguntarnos el porqué”, no Casal de Ferreiros, a partir das 17.00 horas.

Con tan só 23 anos, Outeda estrea a súa faceta literaria cunha obra que convida a sentir e reflexionar. Trátase dunha antoloxía de poemas e breves textos en prosa, nos que aborda temas diversos desde unha perspectiva íntima e próxima, buscando que o lector se sinta identificado coas súas palabras.

Ademais, este venres, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Biblioteca, organízase unha actividade gratuíta para as familias: o “Gran Quiz”, un xogo educativo para poñerse a proba a través dun cuestionario. Na Biblioteca Municipal de Poio, a partir das 17.30 horas e con entrada gratuíta.

Xa o sábado, a programación cultural continúa coa última representación da Mostra de Teatro Outeiro Grande, organizada por Moura Teatro coa colaboración do Concello de Poio e da Deputación de Pontevedra. Nesta ocasión, subirase ao escenario a compañía A&Z Producións para representar a obra “A limpadora, a psiquiatra e o marido asesor”, dirixida por Alejandro Albaiceta Cruz. Ás 21.00 horas no local da Comunidade de Montes de San Xoán. Trátase dunha comedia que homenaxea ás mulleres e ás amas de casa que con poucos recursos sacan as súas familias adiante.

A maiores, tamén continúa o Reto Lector 2025, unha iniciativa que se desenvolve durante todo o ano e que está destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes. Así, en outubro os participantes seleccionaron un audiolibro, mentres que para os dous últimos meses do ano as propostas son unha novela epistolar e un libro publicado na data do nacemento do lector, respectivamente.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio