Gran ritmo de vendas de Ameixa en Poio e un domingo cheo de festa por diante

29/09/2025

A Festa da Ameixa continúa mañá, día 28, con sesión vermú, actividades infantís, concertos, baile e fogos de artificio.

Poio está a vivir unha nova edición de éxito da Festa da Ameixa. Só durante a xornada do venres, as vendas de racións superaron nun 33% as da última edición, a primeira na que se implantou a apertura dos postos de venda xa dende a xornada inaugural. Na primeira noite vendéronse preto de 200 racións, sendo as Ameixas á Mariñeira a opción máis demandada polos asistentes.

A choiva non foi quen de frear o entusiasmo este sábado en Campelo. A carpa de degustación volveu ateigarse ao mediodía, demostrando unha vez máis o tirón desta cita coa gastronomía mariñeira. De feito, na xornada matinal vendéronse máis de 400 racións de ameixa sendo, de novo, a receita á mariñeira a preferida dos asistentes.

Mañá domingo promete ser unha xornada completa, cunha ampla programación que combina sabor, música e actividades para todas as idades. As carpas de degustación seguirán abertas entre as 13.00 e as 16.00 horas.

A sesión vermú comezará ás 13.00 horas coa actuación en directo do grupo Uno Más, mentres que, como xa ocorreu hoxe, os máis pequenos poderán gozar de actividades infantís gratuítas en horario de mediodía e tarde.

A música continuará na Praza da Granxa co concerto da Escola de Acordeóns de Campelo ás 17.00 horas e a actuación de Son das Corbaceiras, que traerá a canción mariñeira ás 18.00 horas. O fin de festa será da man da orquestra Los Players, a partir das 19.00 horas, e culminará cun espectáculo de fogos de artificio ás 22.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio