Organizada pola Orden Tercera de la Merced, conta coa colaboración do Concello de Poio. Ángel Moldes salienta “o labor desinteresado e compromiso das comisións de festas e dos colectivos locais, que fan posible manter e potenciar as tradicións do municipio”.
As Festas da Merced, que se celebran o martes e mércores, 23 e 24 de setembro, inclúen a peregrinación nocturna e traen a San Xoán a actuación das orquestras Ritmo Joven e Panama Band na Praza do Mosteiro. Representantes da Orden Tercera de la Merced, que organizan a festa coa colaboración do Concello de Poio, presentaron a programación completa, acompañados polo alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira Natividad Torres.
Un dos actos máis esperados terá lugar o martes 23 coa tradicional peregrinación nocturna, que sairá ás 22:00 horas desde tres puntos simultaneamente: o adro de San Salvador, a Capela da Virxe de Fátima de Campelo e a Igrexa de San Roque de Combarro. As tres procesións confluirán no último tramo para continuar xuntas ata o Mosteiro de Poio, onde se celebrará a misa de medianoite, cantada polo coro Virxe da Renda de Combarro. Ao remate, terá lugar a tradicional queimada, acompañada de reparto de chocolate e rosca para todos os asistentes. A noite pecharase coa música da orquestra Ritmo Joven na Praza do Mosteiro.
O mércores 24, día grande da festa e festivo local, comezará coa tradicional sesión de dianas e alboradas a cargo dos grupos Vides Novas e da Escola de Música Tradicional de Poio. Ás 12:00 horas celebrarase a Misa da Vendima, cantada pola Coro Virxe de Fátima de Campelo, e xa pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a misa solemne con procesión na honra da patroa no Mosteiro de San Xoán, coa participación da Banda de Música da Lama e da Coral de Poio.
A programación pecharase á noite, desde as 21:00 horas, cunha gran verbena na Praza do Mosteiro a cargo da orquestra Panama Band.
Durante a presentación, o alcalde Ángel Moldes quixo agradecer o traballo das Mercedarias e salientou “o labor desinteresado e compromiso das comisións de festas e dos colectivos locais, que fan posible manter e potenciar as tradicións do municipio”. Moldes destacou tamén que este tipo de eventos «reflicten o dinamismo do tecido social de Poio e o seu compromiso coa cultura, a tradición e a convivencia, enchendo de vida as nosas rúas».