Dasoul, un dos artistas de música latina con maior proxección dos últimos anos, actuará o sábado 27, na Gala da Ameixa con El regreso de La Década e o DJ Adrián Mesú. Entregarase a Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que traballan en Poio -Confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán- que se xubilaron ao longo do último ano
O Concello de Poio presentou esta mañá na Lonxa de Campelo a programación da 37ª Festa da Ameixa, que se celebrará do 26 ao 28 de setembro. O evento mestura gastronomía, música e lecer para todos os públicos nun ambiente mariñeiro, co obxectivo de render culto ao produto estrela da ría de Pontevedra.
O alcalde, Ángel Moldes, estivo acompañado polos patróns maiores das Confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán, así como por representantes das asociacións colaboradoras: AV de Campelo, Sporting de Campelo, Coro Virxe de Fátima e Comisión de Festas de Campelo.
«Este evento pon en valor a cultura mariñeira e marisqueira de Campelo e de Poio. Representa unha oportunidade enorme para a desestacionalización e sostibilidade turística do concello, pero sobre todo para enxalzarun produto excelente,a nosa gastronomía e á nosa xente do mar», destacou Moldes.
Como é habitual, a celebración comezará o venres cun acto moi especial: a entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores que se xubilaron ao longo do último ano. Serán homenaxeadas doce persoas pertencentes ás tres confrarías que desenvolven a súa actividade en Poio, recoñecendo así unha vida enteira de dedicación ao mar.
Na apartado gastronómico, Moldes explicou que a Festa da Ameixa debe ser un escaparate para este sector e por iso faise exclusivamente con produto da ría. Así, a carpa degustación volverá ser un punto de encontro clave, no que se poderá saborear, de venres a domingo, ameixa á mariñeira (9,50€), con fideos (8,50€) e arroz con ameixas (8,50€). A carpa xa estará aberta desde as 20.00 horas, unha novidade incorporada na última edición e que resultou ser un éxito, mentres que o sábado poderase consumir a ameixa de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas, e o domingo, de 13.00 a 16.00 horas.
MÚSICA PARA TODAS AS IDADES E GUSTOS: GALA DA AMEIXA CON DASOUL, EL REGRESO DE LA DÉCADA E DJ ADRIÁN MESÚ
No apartado musical, o sábado 27 celebrarase a Gala da Ameixa, coas actuacións de Dasoul, El regreso de La Década en vivo e unha sesión co DJ Adrián Mesú. Unha gala con entrada gratuíta, con música orientada para todas as idades e que comezará a partir das 21.30 horas.
Dasoul é un artista canario que se converteu nun referente do reguetón e un precursor do mombahton (fusión house e reguetón). Entre os seus éxitos inclúense “Si me porto mal”, “Vuela corazón” ou “Él no te da”, así como dous discos dobres de platino, un de platino e outro de ouro. Un concerto pensado para que o público máis novo baile e cante con el todos os seus grandes éxitos. Tras o seu concerto, subirá ao escenario DJ Adrián Mesú, produtor e dj galego residente das mellores salas de festas de Galicia e que compartiu escenario con artistas do nivel de David Guetta, TiËsto, Paulina Rubio, Omar Montes, Juan Magan, Don Omar…
Unha gala que inaugurará El regreso de la Década cun directo que unirá a varias xeracións nunha viaxe polas cancións que marcaron a historia do pop español nas décadas dos 60, 70, 80, 90 e 00´s.
Con todo, a música estará moi presente durante toda a fin de semana tamén coas sesións vermú o sábado e o domingo, ás 13.30 horas, coas actuacións de “Sin Reserva Acústico” e “Uno más”, respectivamente. O domingo, ás 19.00 horas, a orquestra Los Players animará a festa, mentres que os fogos artificiais serán ás 22.00 horas.
Ademais, haberá canción mariñeira o venres con Cantos de Terra e Bahía de Tambo e o domingo con Son das Corbaceiras. E ao longo de toda a fin de semana inclúense as actuacións de agrupacións locais como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.
Pensando nas familias, o Concello volverá ofrecer ludotecas infantís gratuítas con monitores, que organizarán xogos e actividades para os máis pequenos tanto o sábado como o domingo, en horario de mediodía e tamén pola tarde ( de13.00 a 16.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas).
A Festa da Ameixa de Campelo volve así “cunha programación diversa, moi potente e de calidade, pensada para todos os públicos e fiel á súa identidade”, destacou Moldes. Desde o Concello de Poio convidan a toda a veciñanza e aos visitantes a achegarse a Campelo na última fin de semana de setembro para gozar dunha das festas máis antigas e con máis arraigo de Poio, da súa gastronomía, da música e dun ambiente mariñeiro único que honra a tradición e á xente do mar.
AS XORNADAS TÉCNICAS E GASTRONÓMICAS DA AMEIXA EN OUTUBRO COMPLETAN A FESTA
Ademais, como complemento á 37ª edición da Festa da Ameixa, o Concello de Poio tamén organiza unhas xornadas técnicas e gastronómicas para poñer en valor este produto. Con respecto ás primeiras, as Xornadas Técnicas da Ameixa reunirán na Casa Rosada o xoves 2 de outubro a administracións, expertos e profesionais ao redor do marisqueo na ría de Pontevedra. Dentro da programación inclúen relatorios, mesa redonda con axentes do sector así como un obradoiro de showcooking e degustación gastronómica coa Ameixa como protagonista.
As Xornadas Gastronómicas da Ameixa organizaranse durante o mes de outubro, e permitirán degustar este bivalvo en distintos establecementos de todo Poio. Esta iniciativa recuperouse en 2024 despois de 20 anos sen celebrarse, cunha gran acollida do sector e do público, e volverá nesta edición no marco do impulso á Festa da Ameixa levada a cabo polo Goberno local.