O Concello reforza os colexios públicos con melloras valoradas en máis de 75.000€

15/09/2025

Para o Goberno local a mellora dos centros de ensino é unha prioridade, e por iso están en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, percorreron estes días os centros escolares de infantil e primaria do municipio para comprobar as melloras realizadas durante os meses de verán e interesarse pola adaptación da volta ao colexio tras a primeira semana de curso.

Moldes asegura que o Concello de Poio continúa traballando e colaborando coa comunidade educativa para dar resposta ás peticións e prioridades que trasladou cada centro escolar, unha colaboración que non é puntual para os meses de verán, senón que se realiza tamén durante todo o curso. Neste senso, reitera que “para o Goberno o mantemento dos centros escolares é unha prioridade, e por iso estamos en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen”.

Nesta liña, puxo en valor o plan de mantemento que se realizou en todos os colexios durante os meses de verán, cun investimento que superou os 75.000 euros, e que incluíu traballos de carpintería, fontanería, pintura, pavimentado ou mellora da seguridade.

No CEIP Espedregada, en Raxó, o alumnado conta cunha área de xogo infantil nova, un investimento realizado en colaboración coa Xunta de Galicia e que permitiu mellorar a calidade e a seguridade do parque, con elementos e valado novos. Ademais, neste centro acondicionouse tamén a aula destinada para a radio escolar, coa apertura dunha ventá con cristal acústico, mellora do illamento e pintado de paredes.

Con respecto ao colexio de Lourido, o plan de mantemento incluíu instalación de tarima na biblioteca do centro, ampliación do parque con novos xogos e melloras na zona infantil, así como reposición de portas en mal estado e pintado interior e exterior.

No colexio do Bao, abriuse unha porta exterior para comunicar directamente o centro co parque infantil e mellorar así a seguridade do alumnado, e instalouse unha pasarela e escaleiras de madeira.

En Chancelas, en colaboración coa Xunta de Galicia reformáronse os baños do profesorado e, a maiores, asfaltouse a pista de xogos infantil.

No CEIP de Viñas, mellorouse a confortabilidade da aula de 5 anos, con pintando e instalación de tarifa flotante, igual que na biblioteca do centro, onde tamén se abriu unha porta de acceso nova. Ademais, reparouse o aseo da planta baixa así como os danos estruturais da fachada do edificio.

Por último, no colexio Isidora Riestra instalouse coa colaboración do centro a tarima flotante na aula de infantil, adaptouse o baixo da escaleira para crear un novo espazo de lectura para o alumnado e reparouse o peche do patio exterior.

Ademais, realizáronse revisións de enchufes, iluminación e pantallas, así como traballos de electricidade, fontanería, e outras obras e reparacións menores, entre as que se inclúen persianas, portas, mobiliarios, bancos, etc.

Tanto o alcalde como a concelleira destacaron o esforzo que se está a facer para garantir que os espazos educativos sexan seguros, confortables e adaptados ás necesidades actuais, ao tempo que reiteraron o compromiso do Goberno local de seguir escoitando á comunidade educativa e actuando con axilidade ante calquera nova demanda ou incidencia que poida xurdir ao longo do curso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio