Entrega de diplomas aos participantes dos primeiros cursos de alfabetización e competencias dixitais en Poio

01/07/2024

O alcalde, Ángel Moldes, entregou hoxe os diplomas ás trinta persoas que participaron nos dous primeiros cursos de alfabetización e competencias dixitais transversais que organizou o Concello de Poio. En total, son oito as formacións gratuítas que se van organizar ao longo do ano e que buscan facilitar ao alumnado os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe.

Moldes agradeceu o interese que amosou o alumnado coa actividade e sinalou que supón unha oportunidade para reducir a fenda dixital, para formarse en competencias que favorecen a súa empregabilidade, que favorecen a súa conectividade e que son imprescindibles tamén para facer xestións básicas.

Cada curso ten 32 horas de duración, e impártese na modalidade presencial na aula de informática situada na Reiboa. Hai oito edicións diferentes, que se desenvolverán ata novembro, cun máximo de quince persoas en cada unha. Tras estes dous cursos, os seguintes retomaranse tras o verán: a terceira edición do 23 de setembro ao 2 de outubro; a cuarta e quinta, do 14 ao 23 de outubro; a sexta e sétima, do 4 ao 13 de novembro; e o último curso será do 18 ao 27 de novembro.

As persoas interesadas pódense inscribir en calquera dos cursos que quedan por celebrarase nun formulario que atoparán na páxina web poiodixitaliza.es ou solicitar información no teléfono 604 039 575.

Entre os contidos inclúense módulos de tecnoloxías habilitadoras dixitais (2 horas), información e alfabetización dixital (6 horas), comunicación e colaboración online (6 horas), creación de contidos dixitais (6 horas), seguridade na rede (6 horas) e resolución de problemas (6 horas).

Finalizada a formación, porase disposición do alumnado que o solicite un servizo de acompañamento para acreditar as competencias. Este proceso de asesoramento adaptarase ás necesidades individuais de cada persoa, e incluirá unha entrevista persoal, información sobre procedementos e requisitos que deben cumprir, recompilación de documentación e asistencia ata completar o proceso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio