Alumnado de Chancelas planta 200 cerezos nos montes de Combarro

21/03/2024

Trátase dunha actividade organizada entre o Concello de Poio e a Comunidade de Montes para crear conciencia e poñer en valor a importancia de protexer o medio ambiente.

Alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Chancelas participou esta mañá nunha actividade organizada pola Comunidade de Montes de Combarro, en colaboración co Concello de Poio, para plantar 200 cerezos nos montes comunais polos que, ademais, transcorre a variante espiritual.

Ata alí tamén se achegou o alcalde, Ángel Moldes, así como concelleiros do Goberno para participar nunha actividade que pretende crear conciencia entre os máis pequenos ao mesmo tempo que se pon en valor a importancia de protexer o medio ambiente. Neste senso, Moldes recorda que “moitos dos hábitos, valores e rutinas que adquirimos cando somos pequenos permanecen con máis facilidade como adultos, e por iso é fundamental educar ás xeracións máis novas no coidado e na protección da nosa contorna”.

Membros da comunidade de montes explicaron á rapazada como escoller o lugar e preparar o terreo para plantar as árbores, e incidiron tamén en como coidalos despois e, sobre todo, en protexelos cando se visitan os montes. Posteriormente, por grupos e baixo a supervisión dos adultos, os estudantes foron cavando na terra espazos para plantar cada un dos cerezos. Unha xornada que, ademais, serviu como xornada de convivencia e para mellorar o seu coñecemento da contorna.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio