Inclúe actuacións gratuítas ao longo de todo o ano de xeito itinerante por todo o concello, destinadas tanto para o público familiar como adulto.
O Concello de Poio presentou hoxe “Zona de Obras”, a programación cultural que este ano se centra en poñer en valor as artes escénicas, con propostas para todos os meses do ano e de xeito itinerante por todo o municipio.
O alcalde, Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e representantes das entidades locais que colaboran (SCD Raxó, SCD Samieira, AAVV A Laxe, AXCD Combrus, AAVV Lourido e Comisión de festas de San Salvador), presentaron esta mañá “unha programación ampla, variada, atractiva e que vai percorrer todos os lugares do noso municipio”, sinalou. Así, explicou que “Zona de Obras” é unha chamada de atención, un convite para adentrarase en novos xéneros e espertar o gusto por novas propostas, como o teatro clásico, a narración oral ou o circo”. Por iso, convidou a toda a veciñanza a gozar dos diferentes espectáculos, que van ter a oportunidade de descubrir sen necesidade de saír do seu concello. É unha proposta moi pensada para cubrir esa demanda real que hai no noso municipio”.
Tal e como sinalou Natalia Sabarís, a programación estréase este domingo no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, ás 18.00 horas coa obra “Estrafalaria”, de Xarope Tulú. Unha historia de personaxes pintorescos ás que lles acontecen sucesos extraordinarios que está destinada para o público familiar.
O grupo de teatro de Poio, Moura Teatro, “tamén terá o seu espazo nesta programación”, indicou Sabarís, e será o venres 10 de maio coa representación de “A Lavar Colón”, dirixida por Miro Magariños, na Praza de San Roque, en Combarro. Tamén en maio, o sábado 18, no CC. Xaime Illa, será a quenda de Ste Xeito Producións con “Running”, unha comedia dirixida por Esther F. Carrodeaguas.
No mes de xuño, a Zona de Obras trasládase o 24 de xuño ao Parque da Memoria, en San Xoán, con “Henriko o Feiticeiro”, de Simplemente Enrico. Un espectáculo para toda a familia.
Agosto comeza con “Superharte”, un espectáculo para toda a familia da clown Patty Diphusa, o día 2 no parque Costa Xiráldez, en Lourido. O luns 5, o Asacocirco Show chega ao Adro de San Salvador. Un espectáculo para todos os públicos na que Mirroska e Juanito son os dous clowns protagonistas deste mini circo. E xa o 25, será a quenda de Cirkompacto, con “Hell Brothers”, na Praza da Chousa de Combarro.
O espectáculo “Máis Saaabor!”, de Culturaactiva Producións, poderase ver o 14 de setembro na Praza da Granxa, en Campelo. É unha proposta cómica, que mestura música en directo, maxia, humor e moito ritmo para público infantil e familiar, dirixida por Avelino García. En outubro, será a quenda de AsSircópatas, con “Rogelio, La Fête”, na CC.MM. Río de Bois, en Samieira. Dirixido por Natalia Outeiro “Pajarito”, é un espectáculo de risas para toda a familia, con clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor.
Teatro da súa vila, con Saco Roto, será o 9 de novembro no Palacete de Besada. É unha obra de teatro, con música en vivo, dirixida por María del Carmen Teresa de la Fuente, que representan tres xeracións desde principio do século XX.
Por último, o 21 de decembro, será a quenda de “As máscaras de Ibáñez: o Marqués de Sargadelos que nunca foi”, de Avelaíña Teatro. Unha obra dirixida para o público adulto que se representará no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.
A duración de cada peza será de 50-90 minutos, porque a finalidade é adaptalas á singularidade de cada localización do municipio. As entradas son de balde, e poden retirarse o propio día do espectáculo, desde unha hora antes do inicio do evento no propio espazo no que se desenvolvan e ata completar aforo.
Coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea.