O alcalde Ángel Moldes destaca “a labor importante das comisións de festas do municipio, un traballo fundamental para manter e potenciar as festas patronais do noso concello”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro de Festexos, Fran da Silva, participaron, xunto a representantes da Comisión de Festas, na presentación da programación da Festa da Fátima, que se celebra entre o xoves 16 e o domingo 19 en Campelo. Unha ampla programación que reunirá a próxima semana ás principais orquestras galegas: Panorama, París de Noia e Combo Dominicano.
A festa comezará na Praza da Granxa o xoves 16, co pasarrúas a cargo de Vides Novas a partir das 20.00 horas. A actuación da Panorama comezará ás 22.00 horas e a noite rematará coa animación de Due Eventos. O venres 17 a Escola de Música Tradicional de Poio fará o pasarrúas a partir das 10 horas, e xa pola noite, será a quenda de París de Noia e discotecas móviles CDC. O sábado, o pasarrúas pola mañá o farán a Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas, e pola noite actuarán o Combo Dominicano e as discotecas móviles CDC. Por último, o domingo ás 12.00 horas será a misa cantada polo coro Virxe da Fátima de Campelo e posterior procesión acompañada da Banda de Guerra da Brilat, mentres que a sesión vermú comezará ás 13.30 horas coa actuación do grupo folclórico Vides Novas.
O alcalde, Ángel Moldes agradeceu o traballo das comisións de festas do municipio. “Hoxe en día hai que ser moi valente para dar un paso adiante, facer o peditorio polas casas, elaborar unha programación, facerse cargo de toda a documentación e permisos que hai que xestionar, expoñerse ás críticas… e todo, a costa de sacrificar o seu tempo coa familia ou de ocio. E o fan cun único obxectivo, que é traer unha programación importante para o seu concello, un traballo fundamental para manter e potenciar as festas patronais do noso concello, algo que debe ter sempre o noso respecto e recoñecemento”, indicou.
Ademais, recordou que a Festa da Fátima acollerá un dos Puntos Lilas do Concello de Poio para concienciar e previr a violencia machista e favorecer deste xeito a celebración “de festas seguras”. Será un punto de referencia no que poden informarse, pero sobre todo un espazo seguro e tranquilo ao que pode asistir calquera vítima en caso de agresión. O Punto Lila estará situado na rúa anexa á Praza da Granxa o xoves 16, entre as 22.00 a 03.00 horas. Dúas promotoras da igualdade atenderán e sensibilizarán sobre as agresións e, de ser o caso, ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.
Tamén esta festa será o primeiro evento no que se van repartir os vasos reutilizables do Concello de Poio, que prevén reducir o consumo de plásticos e vasos de un só uso e substituílos por estes novos de maior durabilidade.