Poio oferta 620 prazas nas ludotecas de verán, que este ano serán gratuítas grazas a unha subvención da Xunta

09/05/2024

O martes 14 ábrese o prazo de inscrición para os espazos Concilia, que se van desenvolver nos colexios de Viñas, Isidora Riestra e Espedregada.

O Concello de Poio ofrecerá este verán 620 prazas para facilitar a conciliación das familias, prazas que serán gratuítas grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia para cofinanciar a prestación deste servizo.

O alcalde Ángel Moldes, explica que “é unha medida moi importante e unha grande oportunidade para as familias. Desde o Goberno queríamos que esta subvención repercutise de xeito directo nos fogares, e por iso este verán os pais poderán compatibilizar os seus horarios laborais coas vacacións dos seus fillos a custe cero”. Con todo, aclara que esta gratuidade será, polo de agora, puntual para esta edición xa que está condicionada aos fondos que reciben do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral de Igualdade.

Os espazos Concilia do Concello de Poio desenvolveranse nos colexios Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó), entre o 1 de xullo e o 6 de setembro. Esta é outra das novidades desta edición, na que se ampliou a duración dos tres espazos ata o inicio do curso escolar. O horario será de 7.30 a 15.00 horas de luns a venres e, a maiores, tamén se organizarán actividades dous sábados durante o verán, o 13 de xullo e 10 de agosto. Tanto en Viñas como Espedregada haberá dispoñibles 45 prazas para os meses de xullo, agosto e setembro e no caso do colexio Isidora Riestra, en xullo e agosto haberá nos dous casos 150 prazas dispoñibles e en setembro, 50.

Os campamentos están destinados para a cativada nada entre os anos 2012 e 2020, ambos incluídos, empadroados no concello, matriculados nalgún dos centros escolares do municipio ou que residindo fóra de Poio, algún dos seus proxenitores acredite traballar neste concello.

As solicitudes de inscrición e a documentación necesaria poderanse presentar entre o martes 14 e o venres 24 de maio, a través da sede electrónica ou nos rexistros da Casa do Concello ou do Palacete de Besada. Deberán inscribirse como mínimo unha quincena.

En caso de haber máis solicitudes que prazas, adxudicaranse segundo baremo, no que se terá en conta a situación laboral e sociofamiliar. Só en caso de empate na puntuación, terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada no rexistro. As bases completas pódense consultar na web municipal e nas redes sociais.

A listaxe provisional de admitidos darase a coñecer o 5 de xuño, e posteriormente abrirase prazo para emendar erros ou presentar reclamacións, do 6 ao 10 de xuño. A listaxe definitiva publicarase o 14 de xuño.

Descarga as bases neste ENLACE ou no TABOLEIRO DE ANUNCIOS

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio