Un total de 15 restaurantes de todo o municipio ofrecerán tapas, pratos e menús a prezos especiais co bivalvo como protagonista como prólogo e complemento á XXXVI Festa da Ameixa de Campelo.
O Concello de Poio recupera as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, que se celebrarán a partir deste domingo, día 1 de setembro, e durante todas as fins de semana deste mes nunha quincena de establecementos do municipio, e que servirán para “abrir boca” de cara á XXXVI edición da Ameixa de Campelo, en trámites de ser declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”.
Anunciouno o alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e dunha representación dos establecementos participantes nas Xornadas, no transcurso dunha reunión onde repartiron materiais promocionais como carteis, folletos e paneis identificativos.
As xornadas desenvolveranse a partir deste día 1, e todas as fins de semana de setembro, de venres a domingo. Un total de 15 establecementos repartidos por todo o municipio ofrecerán menús, pratos e tapas coa ameixa como protagonista e a prezos moi atractivos que oscilan entre os 3 e os 30 euros. O bivalvo nas súas distintas preparacións é o protagonista absoluto, con receitas clásicas como as ameixas á mariñeira, con fideos, arroz ou fabas, pero tamén en cazola, con gambas, langostinos ou berberechos e mesmo elaboradas á ferrolana.
Moldes convidou a veciños e visitantes a visitar os establecementos de Poio durante estas xornadas: “Unha gran oportunidade para degustar o produto estrela da nosa ría e apoiar a sectores tan importantes para o concello como o marisqueo, o turismo e a hostalería”.
Así mesmo, o alcalde destacou o motivo polo que se decidiu recuperar estas xornadas, que levaban sen celebrarse desde 2002, no marco do impulso á Festa da Ameixa de Campelo de cara á súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia: “Non queremos que a Ameixa de Campelo se reduza a só unha festa dunha fin de semana, traballamos para dinamizar a todo o noso sector da hostalería e dar promoción a un produto de calidade, un dos mellores de Galicia”.
Pola súa banda, Cochón destacou “a fantástica acollida e a gran colaboración que brindou o sector da restauración” e subliñou que as xornadas van permitir “seguir avanzando nun turismo desestacionalizado e de calidade” e poñer en valor “piares dos que nos sentimos moi orgullosos en Poio, como son a tradición mariñeira e mariscadora, o mellor produto da nosa ría, e todo nas mans expertas dos e das cociñeiras de Poio, os mellores profesionais.
“Dicimos con frecuencia que Poio é único. Éo porque reunimos mar, gastronomía, patrimonio, natureza… nun destino de gran calidade”, indicou Cochón: “Convidamos a todo o mundo aos nosos establecementos durante todo o mes de setembro para que comproben por que somos o gran referente gastronómico da zona”.
Estas xornadas serven como prólogo e complemento á XXXVI Festa da Ameixa de Campelo, que esta edición se celebrará no mes de outubro, segundo acordaron Concello de Poio e as confrarías e agrupacións de mariscadoras.
Os establecementos participantes son:
En San Salvador: Casa Angelita e o Restaurante Lourido, en Lourido.
En San Xoán: Casa Laura, en Campelo, Casa Susa, no Muíño; O Eirado das Margaridas, en Liñares e Pinela Terraza, en Casalvito.
En Combarro, os establecementos participantes son o Restaurante Alvariñas, Arroyo Mar y Tierra, Entrepedras, La Espuela, Pedramar e O Peirao, en Combarro; e La Nueva Parada, en Chancelas.
A lista de participantes complétase con O Novo Lar de Expósito, no Covelo, Samieira; e o Vamos Falando, en Raxó.