Xa está en funcionamento o sistema de control de acceso e aforo no Ximnasio da Seca

19/08/2024

O alto incremento de usuarios nos últimos meses, tanto de xeito individual como nas sesións monitorizadas, fan necesario un sistema de control que permita mellorar a atención e o servizo que se presta.

Xa está en funcionamento o novo sistema de control de accesos e aforo no ximnasio municipal da Seca, que segundo explica o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, “vai mellorar a atención e o servizo que se presta nesta instalación municipal, xa que permitirá aos monitores centrarse en exclusiva nos usuarios e evitar, asemade, posibles usos indebidos na instalación”.

Co novo sistema de control, cada usuario dispón dunha tarxeta persoal e intransferible que lle permite o acceso ao ximnasio. As actuacións, que contaron cun investimento de 9.000 euros a través de fondos provinciais, incluíron a instalación eléctrica e os tornos con mecanismos bidireccionais, con caída de brazos en caso de emerxencia e sinalización virtual sinxela para outorgar ou denegar o acceso, así como lector de entrada e saída dos usuarios da instalación municipal, o que tamén permitirá controlar o aforo. Colocouse tamén unha porta de acceso para persoas con mobilidade reducida, con peche eléctrico e lector de tarxeta de entrada de saída, para garantir a accesibilidade da instalación.

Desde a ampliación do horario da instalación deportiva, que desde o mes de novembro abre tamén polas mañás, de 7.00 a 14.00 horas, o aumento de usuarios é importante, tanto os que asisten de xeito individual como os que participan nalgunha das actividades monitorizadas. Este incremento evidente das persoas que entran e saen do ximnasio fai necesario a instalación dun sistema que permita controlar os accesos aos usuarios con abonos e cotas en vigor e liberar aos monitores, para que se centren exclusivamente na súa labor pedagóxica do aspecto físico e deportivo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio