A primeira lectura foi Historia de unha mestra, de Josefina Aldecoa, unha obra que lles convidou a reflexionar sobre a educación, a liberdade e o papel das mulleres na sociedade. Desenvólvese o terceiro mércores de cada mes no Pazo Besada, ás 19.00 horas, e busca fomentar o hábito lector, crear vínculos sociais e compartir experiencias arredor dos libros.
O Concello de Poio xa ten en marcha o seu primeiro club de lectura, ‘Letras que Unen’, unha nova iniciativa que arranca cunha excelente acollida e máis de 20 participantes. O proxecto nace co obxectivo de fomentar o hábito lector, promover o intercambio de opinións e crear un espazo de encontro e convivencia no que os libros se convertan nun punto de unión entre a veciñanza.
A actividade está dirixida a persoas adultas do municipio, é totalmente gratuíta e está aberta a novas incorporacións. Todas as persoas interesadas en sumarse poden inscribirse no Pazo Besada.
A primeira lectura escollida foi Historia de una maestra, de Josefina Aldecoa, unha novela que serviu como punto de partida para compartir impresións e reflexionar sobre cuestións como a educación, a liberdade e o papel das mulleres na sociedade. A sesión permitiu intercambiar diferentes puntos de vista e experiencias persoais nun ambiente participativo e próximo.
Ademais, as persoas integrantes do club teñen un papel activo na elección das obras que se len en cada encontro. Así, para a próxima sesión decidiron apostar por Golpes de luz, da escritora galega Ledicia Costas, coa que continuarán descubrindo novas historias e compartindo reflexións arredor da literatura.
‘Letras que Unen’ celébrase o terceiro mércores de cada mes, ás 19.00 horas, nas instalacións do Pazo Besada. O funcionamento é sinxelo: o grupo escolle de maneira conxunta unha obra e, durante o seguinte encontro presencial, comparte as súas impresións e opinións sobre a lectura. Ademais, en cada sesión, unha das persoas integrantes asume o papel do autor ou autora da obra para achegar ao resto do grupo aspectos da súa vida e traxectoria, enriquecendo así a experiencia lectora.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, destaca que esta iniciativa vai máis alá da lectura, xa que permite fomentar a conversa e o intercambio de experiencias e, sobre todo, favorecer as relacións persoais, crear vínculos entre a veciñanza e contribuír a previr situacións de illamento. Neste sentido, pon en valor a importancia de impulsar espazos de encontro nos que as persoas poidan compartir intereses e establecer novas relacións.
O club aposta por unha participación libre, sen avaliacións nin carácter académico, na que o único requisito é ter ganas de ler, compartir e desfrutar da literatura en compañía.