O obxectivo do Goberno é seguir reducindo a débeda que quedou pendente do anterior mandato.
As catro facturas corresponden a un fraccionamento de contrato dunhas obras que se fixeron antes das eleccións municipais e sen consignación nos orzamentos dese ano.
O pleno de marzo do Concello de Poio inclúe, entre outros puntos, un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá abonar as catro facturas que se emitiron para realizar o muro do Xuviño, unha actuación que “casualmente” se fixo antes das eleccións municipais do ano pasado e que se deixou sen pagar e sen consignación nos orzamentos.
Deste xeito, as catro facturas que se inclúen nese recoñecemento corresponden a un fraccionamento de contrato que, en total, ascende a 62.401,52 euros. Así, hai dúas facturas para movemento de terras da marxe esquerda do muro do Xuviño, que ascenden a 11.585,75 euros e 12.813,90 euros, respectivamente; unha terceira, de 17.242,50 euros para formación do muro na marxe esquerda; e, unha última, por importe de 20.759,37 euros para o lado dereito.
Segundo explican desde o Goberno, esta obra foi feita sen consignación nos orzamentos, con moitas présas e, ademais, sen cartos para poder pagalas. Por iso, critican que se fixeron cunha xestión totalmente irresponsable e polas datas, parece que tamén de xeito bastante interesado. Agora o obxectivo e preocupación deste Goberno, engaden, é conseguir pagar todos os traballos que están feitos, que non exista ningunha factura pendente de aprobación rexistrada en exercicios anteriores a 2024 e sanear as contas municipais.