A unidade atenderá a menores de 6 anos para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento. Situarase na Casa Rosada e estará formada por un psicólogo, logopeda e fisioterapeuta pediátrico.
Avanza o proceso de adxudicación da Unidade de Atención Temperá de Poio, que entrará en funcionamento na segunda quincena de febreiro na Casa Rosada e estará atendida por un psicólogo, logopeda e fisioterapeuta pediátrico.
Trátase da primeira unidade que se porá en funcionamento en Poio, que conta cunha axuda de máis de 266.000 euros da Xunta de Galicia para dar resposta ás necesidades das familias, ofrecendo atención especializada para menores de 6 anos para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento ao lado da súa casa e de xeito gratuíto para elas.
A mesa de contratación designada para este procedemento acordou realizar a proposta de adxudicación a favor de Cogami, que terá que presentar a documentación requirida para facela efectiva. Un procedemento que rematará nos próximos días e permitirá que a prestación deste servizo sexa unha realidade proximamente.
O servizo de atención temperá son un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará ao pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento. Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará á familia á unidade de atención temperá.
No caso de Poio, esta unidade situarase na Casa Rosada, onde xa están adaptados os espazos. Este servizo formará parte da Rede de Atención Temperá da Xunta de Galicia.
Por outra banda, Lidia Díez Arias, veciña da Caeira, é a persoa afortunada no sorteo da iniciativa “o Cadro Solidario”, unha obra doada por Faustino Ucha e que permitiu recadar fondos destinados a fins sociais. A entrega do cadro fíxose esta semana, na que Natividad Torres amosou o seu agradecemento a Ucha, polo seu xesto e colaboración ano tras ano, e tamén a Lidia Díez por participar nesta iniciativa.
Este ano Ucha recolle na súa pintura unha escea da ría presidida pola illa de Tambo. Un cadro con moita vivacidade no que predomina os azuis intensos e os laranxas dunha posta de sol.