Técnicos do proxecto da humanización de Campelo a Seara atenden as dúbidas da veciñanza

02/04/2024

Técnicos do proxecto de humanización da EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, atenderon, unha a unha e durante todo o día, as principais dúbidas e opinións da veciñanza que se achegou hoxe ata o Local Social.

O obxectivo desta reunión é escoitar as opinións das persoas que viven no lugar, xa que si é necesario cambiar algo no proxecto, o momento de facelo é agora. O alcalde, Ángel Moldes, conta co compromiso da Deputación de Pontevedra para adaptalo ás necesidades reais de Campelo. Con todo, aínda que son conscientes de que redactar un proxecto que guste a todos os veciños é complicado, entenden que si pode incluír a opinión da maioría e, sobre todo, evitar que provoque novos problemas.

Entre outras cuestións particulares de cada veciño, as principais dúbidas do proxecto radican nunha rotonda e a alternativa que se propón para o sentido único de circulación, xa que tal e como está o proxecto redactado desvía o tráfico polo camiño dos Mouchos, unha vía que non ten capacidade para asumir ese fluxo de coches.

Agora, os técnicos analizarán polo miúdo as propostas e problemáticas que lles trasladaron os veciños durante toda a xornada, intentando buscar unha solución que mellore a proposta actual.

O proxecto require un investimento de 3M€, e afecta a un tramo de 1,8m de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio