Nunha reunión de traballo coa hostelería, abordouse a situación do sector e explicáronse as iniciativas do Concello para impulsalo, como a mellora dos servizos, incluído o estacionamento, novas ferramentas de coordinación para eventos e probas deportivas ou información para os peregrinos e as persoas aloxadas no municipio.
A segunda edición do certame gastronómico TapeaPoio terá lugar en maio deste ano con máis días, máis establecementos participantes, maiores premios para clientes e hostaleiros, e premios outorgados por un xurado experto, que se unirán ao votado polo público. Son algunhas das principais novidades que adiantou este luns a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, durante unha reunión con empresarios da hostalaría do municipio que serviu para analizar a situación do sector, escoitar as demandas e necesidades dos profesionais, e estudar as propostas e liñas de actuación do Goberno local para este ano.
Durante o encontro, que tivo lugar no Casal de Ferreirós, Cochón destacou a “extraordinaria acollida” que tivo o certame de tapas organizado polo Concello de Poio en 2024, celebrado en outubro con once establecementos adheridos e 6.000 euros en premios para os restauradores e o público participante: “Familias enteiras, persoas que quedaban para facer ‘rutas’ polos establecementos participantes…”. A edil indicou que este ano vanse implementar “as suxestións e ideas aportadas polos propios hostaleiros”, como a ampliación das datas ou a incorporación dun xurado composto por profesionais da restauración para recoñecer a mellor tapa, ademais do premio outorgado polo público.
A maiores, os establecementos poderán concorrer en dúas modalidades, tapa tradicional ou creativa, e o público terá novas posibilidades de depositar o seu voto. “En 2024 o certame tivo unha resposta impresionante, tanto por parte do sector como dos propios veciños e visitantes que degustaron cada tapa”, indicou Cochón. “Cumprimos con creces obxectivos como o de reivindicar a calidade e diversidade da nosa oferta gastronómica e o de dinamizar a hostalería fóra da tempada alta, e en 2025 imos seguir por ese camiño aínda con máis forza”.
Cochón incidiu ademais na importancia de poñer en valor a restauración poiense, xa que “desde hai moitísimo tempo somos o gran referente gastronómico das Rías Baixas, por non dicir de Galicia.” Por iso, anunciou que o acto de entrega de premios, previsto para principios de xuño, “será unha auténtica Gala da Gastronomía de Poio”, aínda máis do que xa foi en 2024: “Unha verdadeira festa para vós, os hostaleiros e hostaleiras que continuades unha tradición e un nivel dos que poden presumir moi poucos concellos”.
A edil agradeceu a disposición de practicamente todos os hostaleiros presentes a participar na segunda edición do certame, o que unido aos moitos que xa confirmaron o seu interese, permite afirmar que en TapeaPoio 2025 os clientes van ter “aínda moito máis onde elixir”, e recordou que xa se está a falar con empresas “para que ese esforzo e o interese dos comensais se vexa aínda mellor recompensado”.
Durante os próximos días, persoal da Concellería de Turismo contactará cos establecementos para concretar a participación e recoller suxestións e dúbidas. Calquera interesado tamén pode escribir a turismo@concellopoio.gal ou no teléfono do departamento: 986 83 32 04
MELLORA DOS SERVIZOS, COORDINACIÓN DO SECTOR PARA EVENTOS E PROBAS DEPORTIVAS, INFORMACIÓN AOS HÓSPEDES E AOS PEREGRINOS DAS VARIANTES XACOBEAS E OUTRAS INICIATIVAS PARA IMPULSAR O SECTOR EN 2025
O encontro serviu tamén para abordar a situación do sector en Poio e facer un balance das actuacións do Goberno local nos últimos meses. Así, varios dos asistentes celebraron a creación de prazas de estacionamento para veciños e visitantes, un servizo “fundamental para a hostalaría e o turismo”. Destacaron o aparcadoiro inaugurado recentemente na rúa Maceira, en Combarro, e outros situados en San Salvador, San Xoán ou Samieira.
Cochón recordou que nos últimos meses habilitáronse 6.000 m² de estacionamento e que o Goberno local segue traballando para ampliar o número de prazas en todo o municipio, así como para estender os servizos básicos a todo o territorio e garantir a mobilidade sostible.
A edil recordou tamén que ao longo deste ano Poio volverá ser o escenario de probas deportivas e acontecementos importantes, nomeadamente a saída da Etapa 16ª de La Vuelta a España, en setembro, e outros como o encontro do Irish Cruising Club, probas de distintos deportes, ou congresos, encontros e convencións. Por iso, trasladou a disposición do Concello para coordinar a hostalaría e as actividades turísticas de cara a eventos e probas deportivas, especialmente os que se desenvolvan fóra de tempada. Así, explicou un proxecto piloto que xa se está levando a cabo cos aloxamentos, proporcionando unha previsión das datas nas que se agarda un volume elevado de visitantes para facilitar a toma de decisións: “Queremos estendelo tamén á restauración, de modo que os profesionais poidan saber cando hai probas deportivas ou acontecementos con moitas persoas cerca do seu negocio, e así poder planificar para estar aberto e ofrecer os seus servizos, especialmente fóra de tempada”.
Nese sentido, tamén avanzou iniciativas para que os hóspedes dos aloxamentos e vivendas turísticas do municipio poidan coñecer os establecementos de hostalaría abertos na súa zona, permitindo que as persoas aloxadas en Poio poidan desfrutar da gastronomía e os servizos do municipio en todo momento, e anunciou que o Punto de Información ao Peregrino que se instalará nas variantes xacobeas dará información cumprida da oferta hostaleira dispoñible para as persoas que fan o Camiño de Santiago.
Por último, recordou que “a porta do Concello sempre está aberta a todos os que fan que Poio sexa un lugar mellor para vivir, para traballar ou para visitar”, e iso, naturalmente, inclúe aos empresarios e profesionais da hostalaría. “Ninguén coñece mellor o seu sector, o seu negocio, as súas necesidades que os propios hostaleiros e restauradores de Poio”, explicou Cochón, e por iso “queremos escoitar e levar a cabo as súas propostas e en todo momento imos ir da súa man, para garantir que Poio siga a ter unha hostalaría e unha restauración de primeira”.