Un panel de luxo, composto por Pepe Solla, Xosé Cannas, Marga Pazos e Alberto Ribas degustou e valorou unha vintena de tapas presentadas polos seus creadores, para outorgar o Premio do Xurado nas categorías Tradicional e Creativa. Ángel Moldes sinala que “o certame concluíu cun balance moi positivo, tanto desde o punto de vista económico como de participación cidadá e proxección do noso concello”
O TapeaPoio 2025, o certame gastronómico organizado polo Concello de Poio, apagou os fogóns cun nivel culinario “arrollador”, con grande satisfacción no sector e cun impacto económico inmediato moi importante. Así o sinala o alcalde, Ángel Moldes, que amosa a súa satisfacción ao coñecer os primeiros datos de participación, que indican que entre o 2 e o 18 de maio os establecementos participantes venderon máis de 5.000 tapas.
“O certame concluíu cun balance moi positivo, tanto desde o punto de vista económico como de participación cidadá e proxección do noso concello. Segundo os datos dispoñibles, o evento xerou un impacto económico directo moi importante, ao que hai que engadir o retorno a medio e longo prazo, o que demostra a nosa capacidade para dinamizar a economía local en sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo”.
Así, desde o Concello de Poio agradeceron “de corazón” o esforzo de xurados, hostaleiros e colaboradores para que esta segunda edición de TapeaPoio “superase con creces o éxito da primeira e consolide así unha proposta á altura da gastronomía e do sector poiense e que xa está máis que consolidado”.
REUNIÓN DO XURADO EXPERTO
Por outra banda, o Xurado Experto de TapeaPoio 2025 reuniuse esta semana para valorar as creacións presentadas en cada categoría, un peche ideal á parte competitiva do certame. A xornada desenvolveuse no Pazo de Colón e “deixou un marabilloso sabor de boca ao xurado, desde logo, pero tamén a todos os que puidemos vivila”, subliñou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón.
Desde primeira hora, o panel de expertos formado polos chefs Pepe Solla (Casa Solla, Estrela Michelín) e Xosé Cannas (Pepe Vieira, dúas Estrelas Michelín), a empresaria Marga Pazos, co-fundadora e responsable de desenvolvemento de produto de Salmoira, e o influencer Alberto Ribas, responsable do blog “Alvientoo” de gastronomía e viaxes, compartiu mesa para degustar e valorar unha vintena de tapas presentadas ao certame.
Foi o responsable de cada establecemento quen preparou directamente a súa tapa utilizando as cociñas do propio Pazo. A continuación, levaban cadansúa tapa ao salón para presentarlla ao xurado e explicarlle composición, ingredientes… e respondendo preguntas sobre os ingredientes, a preparación ou a inspiración.
“Foi unha experiencia única e moi satisfactoria para todos”, indicou Cochón á saída da reunión do xurado, que quixo poñer en valor o feito excepcional de que “son os mellores profesionais para valorar as tapas dos nosos restauradores, e temos a gran fortuna de que á súa vez sexan de Poio”.
Marga Pazos quixo destacar en nome do xurado o nivel “arrollador” do certame este ano, un crecemento que se explica grazas á esixencia, o rigor e a creatividade dos participantes. “Hai algo que me emociona especialmente, e é a conexión que xera entre cociñeiros e público”, resaltou. “É unha forma de vivir a gastronomía que vai máis alá dun prato e creo que TapeaPoio soubo cultivar esa proximidade como un dos maiores valores do certame”.
O fallo do xurado, que outorga un premio por categoría, unirase aos premios do público, un primeiro e un segundo por categoría, á tapa que recibise máis puntos. Nestes momentos estanse recontando os votos físicos e telemáticos dos clientes para determinar os galardóns populares en cada categoría e para sortear os premios cedidos polas empresas e institucións colaboradoras.
Todos estes premios -aos restauradores polas mellores tapas, e ao público que votou, por sorteo, daranse a coñecer o días 2 de xuño na II Gala da Hostalería de Poio.