Tamara González comproba o avance das obras de mellora no Espazo Municipal da Ucha

11/02/2025

Os traballos permitirán mellorar a calidade e comodidade da instalación para os usuarios. Inclúe tarima flotante, pintado do interior e tratamento das humidades, remodelación do baño, creación dun almacén e instalación dunha cuberta na entrada.

A concelleira de Espazos Cidadáns, Tamara González, comprobou esta mañá o avance das obras de rehabilitación e mellora do Espazo Municipal da Ucha. Unhas actuacións que permitirán aumentar de xeito notable a calidade e funcionalidade do local, así como a comodidade das persoas usuarias, e que se suman ao paquete de actuacións que o Concello de Poio está realizando en diferentes locais municipais.

Entre as obras inclúense a substitución de baldosa por tarima flotante, tratamento para as humidades e pintado do interior do local, remodelación dun dos dous baños dispoñibles e creación dun almacén no aseo restante, así como a instalación dunha cuberta na entrada do local para evitar a entrada de auga.

Este espazo municipal acolle ao longo do ano varias actividades organizadas a través de diferentes colectivos locais. “Esta actuación permitirá mellorar de xeito importante o ambiente e a calidade deste espazo, eliminando as humidades e a frialdade da baldosa, corrixindo todas as filtracións de humidades e creando novos espazos para ofrecer un lugar moito máis confortable para o seu uso”, explica González.

Estas melloras, que se executarán a través de fondos propios, inclúense dentro dun plan de actuación e mantemento que o Concello de Poio está realizando nos diferentes espazos municipais para, deste xeito, dar resposta ás necesidades que van xurdindo. Así, no último ano xa se actuou nos espazos municipais do Bao e Sartal, e actualmente tamén se está traballando en Portosanto e na Casa Colón.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio