Substitución das pontes da Ostreira e dos Muíños de Samieira para garantir a seguridade dos usuarios

09/01/2026

O Concello inviste preto de 20.000 euros na mellora destas pasarelas, reforzando o seu compromiso coa conservación e seguridade dos espazos públicos.

O Concello de Poio vén de rematar os traballos de substitución das pontes situadas na ruta da Ostreira, á altura da Reiboa, e nos Muíños de Samieira, cunha actuación destinada a garantir a seguridade das persoas usuarias que practicamente a diario transitan por estes itinerarios.

A actuación contou cun investimento de preto de 20.000 euros, e permitiu renovar por completo unhas pasarelas que se atopaban en mal estado e que supoñían un risco para a seguridade, debido ao desgaste do paso do tempo e ás condicións ambientais. Os traballos incluíron a demolición e retirada das antigas táboas, varandas e vigas de madeira deterioradas, así como a instalación dunha nova ponte horizontal formada por táboas estriadas antiderrapantes.

As novas estruturas foron realizadas en madeira de pino vermello tratada en autoclave con sales metálicas, cumprindo a normativa vixente para o seu uso permanente en espazos expostos ao so e á auga. Ademais, instalouse unha nova varanda de madeira, incrementando así a seguridade e a comodidade das persoas que percorren estas zonas.

O alcalde Ángel Moldes, que comprobou o resultado das obras, salienta que un dos grandes atractivos de Poio é o seu extenso litoral e a súa riqueza paisaxística, e son moitos os veciños e visitantes que percorren a pé as sendas litorais deseñadas para descubrir a riqueza natural do municipio, polo que resulta fundamental garantir o seu mantemento a, con elo, a seguridade. Neste senso, cómpre recordar que estas dúas rutas contan coa distinción “Sendero Azul 2025”, un recoñecemento que avala a súa calidade medioambiental, seguridade e valor turístico.

Por último, o alcalde subliña que esta actuación enmárcase nunha liña de traballo continuada para garantir as mellores condicións dos espazos públicos. O obxectivo é ofrecer infraestruturas seguras, accesibles e sostibles, promovendo o disfrute da contorna e reforzando a aposta polo turismo de calidade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio