“Senda do Mar” traerá a Chimbala e grandes nomes da música urbana a Poio o Día de Galicia

21/07/2025

Un novo festival gratuíto de música urbana e comercial que se desenvolverá na Seca e que forma parte do ciclo oficial Concertos do Xacobeo 2025.

O próximo venres 25 de xullo, coincidindo coa celebración do Día de Galicia, o Concello de Poio acollerá a primeira edición de Senda do Mar, un novo festival gratuíto de música urbana e comercial que forma parte do ciclo oficial Concertos do Xacobeo 2025.

A cita terá lugar na emblemática contorna da Seca, un espazo natural á beira do mar que se converterá nun gran escenario para celebrar a música, e a cultura ao ritmo das últimas tendencias musicais.

O alcalde Ángel Moldes e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentaron esta mañá o cartel completo do festival, acompañados por André Vázquez, promotor do evento. O cartel está encabezado polo artista internacional Chimbala, estrela mundial do dembow e a música urbana latina, que fará bailar ao público cun dos directos máis explosivos do panorama actual. Xunto a el actuarán o coñecido DJ nacional Juanjo García, os artistas galegos Sote e Borja Solla, e os Djs locais Arrow e Yago Rivas.

Senda do Mar é un evento gratuíto, con entrada libre ata completar aforo, e está pensado como unha gran celebración aberta a toda a cidadanía. A organización aposta por unha proposta que mestura talentos internacionais e locais, apostando pola música como motor de encontro e festa no corazón das Rías Baixas.

O festival conta co apoio e patrocinio do Xacobeo, dentro da súa programación oficial de concertos para o verán 2025.

O 25 de xullo, a música chega a Poio pola Senda do Mar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio