Ángel Moldes agradeceu o respaldo “a un proxecto vital para o saneamento da ría e para o sector do mar, que é un piar fundamental no desenvolvemento socioeconómico do noso concello”.
A corporación respaldou de xeito unánime o proxecto de Augas de Galicia e do Concello de Poio para investir máis de 4M€ en mellorar o saneamento na Seca e no porto de Campelo. Foi no pleno ordinario de agosto, que se celebrou onte pola noite e no que o alcalde, Ángel Moldes, agradeceu este apoio porque, como explicou, “é un proxecto vital para o saneamento da ría e para o sector do mar, sector que supón un piar fundamental no desenvolvemento socioeconómico do noso concello”.
Por iso, engadiu que, “aínda estes investimentos ao non ser tan lucidos e visibles poden pasar desapercibidos, o certo é que son fundamentais para avanzar no saneamento e, polo tanto, para nós son absolutamente prioritarios”. Nesta liña, recordou que “estas actuacións son importantes para protexer o medio ambiente, pero tamén porque do sector do mar viven centos de mariscadores, bateeiros e mariñeiros de Poio e, polo tanto, estas actuacións tamén repercutirán de xeito directo no seu futuro”.
O proxecto, que ascende a 4,02M€, contempla a construción do novo bombeo e depósito de retención na Seca e mellorar a estación de bombeo de augas residuais do Porto de Campelo e Miradoiro. Ademais, contémplase tamén a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
Durante a súa intervención, Moldes explicou que negociou con Augas de Galicia as anualidades que ten que facer o concello para que sexan asumidas con máis facilidade e que foron aceptadas polo organismo. Deses 4M€, Augas de Galicia, que destina fondos europeos a estas obras, asumirá o 90%, mentres que o Concello de Poio farase cargo do 10% do investimento. No ano 2025, Augas de Galicia aportará 1,5M€ e o Concello de Poio, 63.519€; en 2026 1,8M€ e 269.561,41 euros respectivamente; e en 2027, 278.703,45 euros Augas de Galicia e 69.675,86 euros o Concello de Poio.
Esta actuación inclúese no Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, que abarca aos municipios de Poio, Marín e Pontevedra. No marco deste estudio identificáronse problemas como a intrusión de auga de mar, os alivios durante as choivas e a infiltración, e propuxéronse distintas solucións enfocadas a garantir un tratamento adecuado das augas residuais, contribuíndo así á protección do medio ambiente o desenvolvemento sostible da zona.
FESTIVOS LOCAIS ANO 2025
Durante a sesión plenaria, tamén se aprobaron os festivos locais de Poio para o ano 2025. Deste xeito, e co apoio de todos os grupos, determinouse que sexan o 24 de xuño, día de San Xoán e patrón de Poio, e o 24 de setembro, día da Merced. Estas xornadas festivas repítense con respecto ao calendario deste ano 2024.