Retómase o sentido único temporal na Avenida da Barca con reforzo da sinalización e da vixilancia

12/01/2026

As obras na PO-308 avanzan a bo ritmo, e permitirán recuperar o espazo público para as persoas, priorizar o tránsito peonil e favorecer o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria.

A partir de mañá, martes 13, recuperarase de xeito temporal o carril único de circulación na Avenida da Barca con motivo das obras de urbanización e humanización da PO-308. Esta medida permitirá a circulación no sentido Poio–Pontevedra, mentres que o tráfico no sentido contrario será desviado por itinerarios alternativos.

Ademais, reforzouse a sinalización informativa dos desvíos habilitados, tal e como se acordou entre o alcalde, Ángel Moldes, e a veciñanza da Caeira. Incrementarase tamén a vixilancia co obxectivo de garantir o cumprimento das prohibicións establecidas.

As obras de urbanización e humanización da PO-308, no treito comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós, avanzan a bo ritmo. Durante o período do Nadal, coincidindo coa pausa establecida no convenio da construción, mantivéronse abertos os dous carrís de circulación. Co reinicio dos traballos, retómase agora o plan de tráfico alternativo previsto para a execución da obra que establece carril con sentido único.

Tal e como se viña facendo desde o mes de outubro, os vehículos que precisen saír de Pontevedra desde a Ponte da Barca poderán circular pola Caeira ou polo nó dos Bombeiros, ascendendo polo polígono do Bao e bordeando a parte alta de Poio para incorporarse pola zona da antiga Coca-Cola, na avenida Antelo Mariño, ata a rotonda situada xunto á panadaría Acuña.

No caso dos vehículos de mercadorías, o desvío realizarase xa desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Bao, evitando así a zona da Barca. O Concello de Poio advirte de que se incrementarán os controis, a vixilancia e as sancións en caso de incumprimento da sinalización. Consideran que xa pasou tempo suficiente para coñecer os itinerarios alternativos e lembran que os vehículos de máis de 3.500 quilos deben respectar a sinalización e evitar a rotonda da Barca e o desvío pola Caeira.

Desde o Concello subliñan que este plan de tráfico é un documento vivo, susceptible de adaptación segundo avance a obra ou cambien as necesidades, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, a fluidez do tráfico e, sobre todo, minimizar ao máximo as molestias á veciñanza.

Esta actuación corresponde á primeira fase do proxecto de humanización da PO-308, que ten como finalidade recuperar o espazo público para as persoas, priorizando o tránsito peonil fronte ao motorizado, así como favorecer o comercio local, a accesibilidade e a seguridade viaria. Entre as actuacións previstas inclúense a ampliación das beirarrúas (cun mínimo de 2,5 metros), a instalación de elementos de calmado do tráfico, a mellora dos servizos urbanos, novo mobiliario público, zonas asistenciais, infraestruturas para o transporte público e prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.

Desde o Concello de Poio agradecen novamente a colaboración da veciñanza e piden desculpas polas molestias ocasionadas polas obras, lembrando que se trata dunha actuación longamente demandada que contribuirá a mellorar a calidade de vida e a mobilidade do conxunto da poboación.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio