Reparto de novos composteiros individuais entre a veciñanza

03/10/2024

Manuel Domínguez recorda que este tipo de tratamento dos restos de comida e vexetais é a forma máis beneficiosa de xestionar os residuos orgánicos.

O Concello de Poio fixo entrega dun lote de vinte composteiros individuais entre veciños do municipio que, ademais, participaron tamén nunha charla impartida pola mestra composteira na aula da Reiboa.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, subliña que cada vez son máis as persoas que instalan composteiros individuais nos seus fogares, “conscientes de que este tipo de tratamento dos restos de comida e vexetais é a forma máis beneficiosa á hora de xestionar os residuos orgánicos”.

Así, explica que cando fan compost están creando fertilizantes naturais para a horta, xardíns e macetas, así como acolchado para evitar as malas herbas e como protector para as raíces.

Na sesión explicouse aos asistentes o funcionamento e os beneficios de compostar restos de comida e vexetais no fogar, tanto a nivel medio ambiental como económico, xa que a elaboración de compost tamén supón unha redución do lixo que se envía a Sogama e, polo tanto, redunda directamente nun descenso de custes.

Para solicitar os composteiros é necesario contactar previamente coa mestra composteira, chamando ao teléfono 604025288, no que tamén poden anotarse para participar nestas sesións ou solicitar maior información.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio