Renovan o acordo para habilitar prazas de aparcamento no porto de Combarro

20/07/2024

Ángel Moldes sinala que esta medida permite aliviar e desconxestionar unha zona especialmente saturada e por iso agradece a colaboración de todas as partes.

O Concello de Poio renova o acordo con Portos de Galicia, os bateeiros e a confraría para utilizar a explanada do porto da Canteira, en Combarro, como aparcamento durante a tempada alta. Unha medida que se adoptou por primeira vez o ano pasado, asinando un acordo histórico entre todas as partes, e que contribuíu a desconxestionar unha zona especialmente saturada. Por iso, sinala o alcalde, Ángel Moldes, “quixemos repetir esta experiencia e aliviar así os problemas de aparcamento”, poñendo a disposición de veciños e visitantes de máis de 150 prazas. Este acordo, ademais, respecta e reserva zonas para os profesionais do sector do mar.

Ángel Moldes visitou esta mañá o porto de Combarro xunto a Iago Tomé, presidente da confraría de Raxó, e Manuel Ferreiro, representante dos bateeiros, coincidindo coa apertura do porto. Explica que, como o ano pasado, de luns a venres e en horario de mañá, o aparcamento será exclusivo para os traballadores do mar. Con todo, durante as horas de acceso libre ao porto seguirá habendo unha zona reservada exclusivamente para os profesionais do mar, que será a que está ao lado das casetas. Haberá un control de acceso vixiado, tanto para garantir que se estaciona na zona correcta como para evitar que os coches aparquen máis de tres horas. Unha medida que busca a rotación de vehículos, dar un mellor servizo e evitar que un mesmo coche permaneza inmóbil durante toda a fin de semana.

“Trátase de buscar medidas que axuden a convivir durante os meses de máis afluencia turística, que melloren os accesos, a seguridade e, principalmente, aumenten e racionalicen as prazas de aparcamento, dando solución a un dos principais problemas que sufrimos no municipio”, apunta.

Neste senso, recorda que desde o primeiro momento o Goberno local está traballando e esforzándose para ofrecer solución a un dos principais problemas do municipio, que é a falta de aparcamento. Así, agradece “o entendemento e a colaboración” de todas as partes para reeditar este acordo “que redundará en beneficio da veciñanza e dos visitantes”. Ademais destas 150 prazas dispoñibles no porto de Combarro, Moldes sinala que neste primeiro ano xa se habilitaron máis de 500 prazas novas gratuítas en diferentes aparcamentos disuasorios, o último, o de Covelo, en Samieira, e anuncia que continúan traballando para ampliar estes aparcamentos, incluído Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio