Nas próximas semanas comezarán as obras no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador, na travesía da Seara, no camiño do Outeiro de Fontenla, instalación de alumeado en rúa do Adro e Travesía Porteliña, rúa Costa de Arriba, Camiño do Souto, Fonteiriñas e nos ramais dereitos e esquerdo da rúa Sartal.
11, outubro, 24.- O Concello de Poio completou a rede de abastecemento e pluviais e rehabilitou o firme no camiño do Castaño, en Portosanto. As obras, que contaron cun investimento de 42.000 euros, permitiron, segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, “dar resposta a un compromiso adquirido coa veciñanza do lugar para solucionar o importante deterioro que sufría esta vía municipal, renovando a rede de servizos básicos e completando os pluviais naqueles tramos do camiño que carecían deles”.
Así, o proxecto contemplou renovar a tubaxe de PVC, así como seis acometidas domiciliarias coas súas correspondentes arquetas na rede de abastecemento, mentres que para completar a rede de pluviais instaláronse dous pozos de rexistro, seis acometidas domiciliarias coas súas correspondentes arquetas e tres sumidoiros con conexión á rede de pluviais. Por último, renovouse o firme adaptando as rasantes ás entradas das vivendas.
“A dotación destes servizos básicos para a veciñanza é prioritaria, somos conscientes de que hai moitos lugares que acumulan anos sen mantemento e por iso ano estamos estamos realizando actuacións que, aínda que parezan máis pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo,aos residentes deses lugares”.
Nesta liña, indica que nas próximas semanas comezarán as obras para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador, na travesía da Seara, no camiño do Outeiro de Fontenla, instalación de alumeado en rúa do Adro e Travesía Porteliña, así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro, e mellora de camiños municipais en Fonteiriñas e nos ramais dereitos e esquerdo da rúa Sartal.