Esta actuación inclúese dentro dun plan ambicioso do Concello de Poio para mellorar a seguridade e os servizos básicos en camiños do municipio, ao que destinaron nos últimos meses preto de 850.000 euros.
O Concello de Poio concluíu a renovación e mellora do firme e da recollida de pluviais na 3ªTravesía da Seara, unha actuación que vai mellorar a seguridade, mobilidade e os servizos da veciñanza deste lugar.
O alcalde, Ángel Moldes, que comprobou o remate das obras, subliñou que “demos resposta a un camiño municipal que estaba moi deteriorado, no que urxía unha actuación urxente para mellorar a seguridade e poñer en valor a contorna”.
Os traballos contemplaron a demolición do asfalto e adaptación da rasante do camiño, renovando o firme con formigón semipulido-raiado e reservando unha franxa no centro para adoquinado. Ademais, incluíuse o desbroce e limpeza da vexetación, colocáronse tres sumidoiros para mellorar a recollida de auga que anegaba ás casas e fincas e sinalización horizontal e vertical para garantir seguridade e ordenar o tráfico.
Esta obra realizouse con fondos provinciais, destinados para dar resposta ás necesidades que existen desde hai moito tempo e ás que o Goberno local urxe ofrecer unha solución. Así, nos últimos meses acometéronse actuacións en todas as parroquias que contaron cun investimento de preto de 850.000 euros, e que incluíron melloras nos camiños de Cachafeiro, Castaño, do Cemiterio, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, Costa de Arriba, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.
Uns investimentos que, segundo indica Moldes, “son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía. Ofrecemos solucións a demandas para mellorar as rúas e espazos que levan anos sen arranxarse e que son unha prioridade para o noso Goberno”.