Remata a rehabilitación do firme no camiño de Retea, no lugar de Albar

28/12/2024

Instalouse unha valla de protección nunha zona de curvas moi sinuosas para garantir a seguridade. Nestas últimas semanas o Concello de Poio investiu preto de 300.000€ para mellorar as infraestruturas e ampliar os servizos básicos do municipio.

O Concello de Poio rematou a rehabilitación do firme no camiño de Retea, no lugar de Albar, no lugar da Ucha, unha actuación que permitiu acondicionar e renovar o asfalto dunha pista que estaba nun estado de deterioro moi importante e supoñía, polo tanto, un risco para a circulación rodada. Máis grave aínda, sinala o alcalde, Ángel Moldes, tendo en conta que é un camiño moi estreito, cun importante desnivel cara o lateral nalgúns dos seus tramos, motivo polo que ademais se instalou unha valla de protección no tramo no que as curvas son máis pronunciadas e, así, garantir a seguridade dos usuarios e evitar posibles caídas. Un compromiso que, recordou, adquiriu coa veciñanza deste lugar.

As obras incluíron fresado dos entronques co firme existente en dous puntos para manter a mesma rasante do terreo, así como limpeza dos cordóns de terra vexetal nas marxes e, para a superficie, nova capa de aglomerado en quente e valla de protección.

Esta actuación englóbase dentro dunha batería de obras realizadas polo Concello de Poio nas últimas semanas para mellorar as infraestruturas e ampliar os servizos básicos do municipio, que contou cun investimento de preto de 300.000 euros para arranxar vías municipais que estaban nun estado de deterioro moi importante e, deste xeito, ofrecer camiños seguros e mellores servizos. Así, ademais deste proxecto, tamén se actuou nos camiños de Banda do Río, Coita, Liñares, Paradela e Rabisa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio