Ángel Moldes sinala que esta actuación era unha prioridade, nunha estrada que transcorre de xeito paralelo á PO-308, que dá acceso ao cemiterio parroquial e pola que transitan numerosos coches.
Nos últimos meses leváronse a cabo actuacións en camiños municipais de todo o concello, cun orzamento aproximado de 850.000 euros.
O Concello de Poio rematou a mellora e rehabilitación do firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador, un proxecto que contou cun investimento de 100.000 euros con cargo a fondos do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O alcalde, Ángel Moldes, que comprobou o remate das obras, sinalou que esta actuación “era unha prioridade para este Goberno, ao tratarse dunha estrada que transcorre de xeito paralelo á PO-308, que dá acceso ao cemiterio parroquial e pola que diariamente transitan numerosos coches, pero que estaba nun estado de deterioro moi preocupante, que supoñía un risco para a circulación”.
As actuacións incluíron a demolición do pavimento actual e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse, o que permitirá mellorar a seguridade e integrar a zona e poñer en valor toda a contorna. Ademais, contemplou tamén ensanches do vial, construción de muros de contención “que estaban comprometidos desde hai quince anos” e creación de aparcamentos na contorna do cemiterio.
Moldes explica que o Goberno apostou no último ano por priorizar investimentos que están permitindo solucionar problemas e dar resposta a necesidades que se acumulan en todo o municipio desde hai tempo, actuacións que, aínda que parezan pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía e, sobre todo, aos residentes desas zonas. “Cada un destes proxectos son prioritarios para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade á cidadanía. Estamos acometendo demandas históricas dos veciños para mellorar as rúas e os espazos que levan anos sen arranxarse, convertendo compromisos en feitos para seguir avanzando”.
Ademais deste proxecto, nos últimos meses acometéronse actuacións en todas as parroquias que contaron cun investimento de preto de 850.000 euros, e que incluíron melloras nos camiños de Cachafeiro, Castaño, 3ª Travesía da Seara, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, Costa de Arriba, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.