Remata a humanización en Liñares, que contou cun investimento de 160.000€

08/10/2024

Ademais de plataforma única, renovación de servizos básicos e mellora da accesibilidade, tamén se eliminou un pozo de rexistro que se atopaba no centro da praza e supoñía un risco.

As obras de humanización de Liñares chegaron ao seu fin, contribuíndo a mellorar a calidade de vida, a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza do lugar. O proxecto, que contou cun investimento de 159.493,28 euros, incluíu dotar ao lugar dunha plataforma única, cunha nova superficie de empedrado, favorecendo a accesibilidade e mobilidade. A maiores, procedeuse á renovación dos servizos básicos, instalación de alumeado e ampliación da capacidade da rede de pluviais, así como á eliminación do pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro.

O alcalde, Ángel Moldes, que se achegou ata Liñares xunto co concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, subliñou que este proxecto incluíu as principais reclamacións da veciñanza. Así, recordou que as obras prologáronse durante case un ano porque o Goberno local apostou por modificar o proxecto inicial para facelo máis completo, ofrecer máis garantías e dar resposta aos principais problemas que había na zona.

“A eliminación do pozo de rexistro do regato era unha necesidade que plasmou desde o inicio a veciñanza, e por iso non tivemos ningunha dúbida en facer un modificado do proxecto para eliminalo. Deste xeito, onde antes había un problema evidente para a seguridade, un oco no medio da praza protexido só por dúas varandas, e que incluso podería chegar a provocar afundimentos do firme, hoxe hai un espazo moito máis amable e seguro, e permite poñer en valor toda esta contorna”, sinalou.

Nesta liña, asegurou que “é fundamental realizar investimentos para humanizar contornas e mellorar a calidade de vida dos veciños das zonas máis rurais, pero é importante facelo escoitando á cidadanía, para que sexan as persoas que viven nestas prazas e lugares os que aporten ideas e propostas para mellorar estes espazos. Que é, precisamente, o que fixemos en Liñares. Escoitar aos veciños para mellorar o proxecto e adaptalo á súa realidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio