Remata a ampliación da rede de pluviais e mellora do firme no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán

18/02/2025

Ángel Moldes destaca que o Goberno apostou no último ano por priorizar investimentos que están permitindo dar resposta a necesidades que se acumulan desde hai tempo, actuacións que ofrecen un servizo imprescindible para a cidadanía.

O Concello de Poio completou a ampliación da rede de pluviais e mellora do firme no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán, unha actuación que, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, permite seguir mellorando as comunicacións e os servizos básicos á cidadanía ao mesmo tempo que se pon en valor e humaniza a contorna.

As obras contaron cun investimento de preto de 50.000 euros, destinados a mellorar o sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais, mediante a instalación de tramos de tubaxe, apertura de gabias e a instalación de cinco pozos de rexistro e acometidas domiciliarias. Unha vez completada a rede de pluviais, renovouse o firme mediante mestura bituminosa en quente e dotouse de sinalización horizontal e vertical para garantir a seguridade e ordenación do tráfico.

Moldes, que comprobou o remate das obras, destaca que o Goberno apostou no último ano por priorizar investimentos que están permitindo solucionar problemas e dar resposta a necesidades que se acumulan en todo o municipio desde hai tempo, actuacións que, aínda que parezan menores, ofrecen un servizo imprescindible para a cidadanía e, sobre todo, para os residentes desas zonas.

Esta actuación no Outeiro de Fontenla, camiño que entronca coa PO-308, englóbase dentro dun plan ambicioso para mellorar as estradas municipais e servizos básicos nas diferentes parroquias. Así, nos últimos meses acometéronse actuacións en todas as parroquias que contaron cun investimento de preto de 850.000 euros, e que incluíron melloras nos camiños de Cachafeiro, Castaño, 3ª Travesía da Seara, Cemiterio, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, Costa de Arriba, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio