Reducen en  200.000 euros os gastos correntes no último semestre do ano sen recortar prestacións ou calidade nos servizos 

29/01/2024

O Concello de Poio reduciu en preto de 200.000 euros os gastos correntes durante o segundo semestre do ano, e fíxoo sen ter que recortar prestacións ou a calidade nos servizos públicos. O alcalde, Ángel Moldes, asegura que “este é un bo dato, un cambio de tendencia na xestión municipal que é froito dun Goberno que aposta por ser máis eficiente, facendo máis cousas con menos recursos, solicitando varios orzamentos para comparar e realizando un control exhaustivo do gasto”. 

No gasto corrente englóbanse os recursos que o Concello de Poio destina para o funcionamento dos servizos públicos, e que inclúe desde o alugueiro de vallas e carpas, ata o mantemento e conservación de edificios, reparacións de maquinaria e vehículos, consumos de luz, auga ou combustibles, produtos de limpeza, material de oficina, comunicacións… Durante o ano 2023 os gastos correntes supuxeron 8,59M€, mentres que un ano antes destinouse a esta partida 8,78M€. Unha redución de máis do 2% que se conseguiu, explicou, revisando a política do despilfarro e descontrol no gasto dos últimos anos e a pesar de que en xuño a maior parte das partidas do orzamento xa estaban esgotadas.

Nesta liña, Moldes incide en que o Goberno está optimizando ao máximo os recursos económicos que ten o concello para mellorar a calidade dos servizos públicos e, con elo, o benestar e a atención ás persoas. Unha eficiencia no gasto corrente que se manterá, subliña, durante todo o mandato.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio