Esta tarde na Casa Rosada (17.00 horas), na que ademais de Ángel Moldes e Natividad Torres, participaron tamén familiares e amigos dos protagonistas.
Dezanove matrimonios de Poio foron protagonistas esta tarde da homenaxe que o Concello lles dedicou con motivo das súas vodas de ouro. O acto, “moi especial e emotivo”, celebrouse na Casa Rosada e contou coa presenza do alcalde, Ángel Moldes, e da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, ademais de familiares e amigos das parellas.
Nun salón engalanado para a ocasión, cada matrimonio recibiu un diploma conmemorativo e un ramo de flores. A homenaxe puxo en valor a traxectoria vital destas 19 parellas, que cumpren cincuenta anos de convivencia, apoio mutuo e superación compartida. O ambiente cálido e festivo permitiu rememorar historias familiares, anécdotas e vivencias que definen medio século de compromiso.
O alcalde destacou que esta é “unha das celebracións máis emotivas do ano, porque nos lembra que o que realmente constrúe unha sociedade forte son as historias de vida compartidas”. Engadiu tamén que “estes matrimonios representan o mellor da nosa comunidade: o compromiso, o coidado mutuo e a capacidade de superar xuntos os desafíos de toda unha vida”.
Durante a tarde, fixéronse repaso dos momentos máis destacados das súas vidas en común, así como dalgúns dos acontecementos máis relevantes de 1975, ano no que formalizaron o seu casamento, e que será recordado como o ano da morte de Franco e o inicio dunha nova etapa de cambios cheos de liberdade. Daquela, recordaron, unha barra de pan tiña un custe de 9 pesetas e o salario medio mensual era de 22.000 pesetas. As parellas escoitaban “Al alba” de Rosa León ou tamén a Juan Camacho con “A ti mujer” e viaxaban nun 127.