Esta medida permitirá aforrar máis de 300.000 euros anuais aos veciños. Continúa así a política de redución de taxas e impostos que iniciou o Goberno o ano pasado, por primeira vez nas últimas décadas.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, avanza que o Goberno local xa está traballando para baixar catro puntos no recibo do Impostos de Bens Inmobles, unha modificación da ordenanza que estima que pode ser aprobada a final deste mesmo ano para aplicarse, tendo en conta os prazos administrativos, nos recibos de 2026.
Así, explica que, tras analizalo cos servizos económicos municipais, o Goberno aprobará antes de final de ano unha rebaixa de catro puntos do IBI, de xeito que o tipo de gravame baixará do 0,47% ao 0,43%. Isto suporá un aforro de máis de 300.000 euros anuais para os veciños de Poio.
Nesta liña, subliña que continúan así a tendencia que iniciou o Goberno hai xusto un ano aprobando a primeira redución de taxas e impostos nas últimas décadas, concretamente nos recibos dos vados e das viñetas dos coches, así como as importantes bonificacións que se aprobaron recentemente nos recibos do IBI para as máis de 200 familias numerosas que teñen a súa residencia en Poio.
“Somos coherentes, responsables e seguimos cumprindo coa nosa palabra, convertendo as promesas en feitos, en medidas que axudan ás familias de Poio e alivian a presión fiscal”, afirma Moldes. Neste senso, recorda que “como dixemos hai xusto un ano, unha vez xestionada a difícil situación económica que herdamos, cunha débeda nos bancos de 8M€, coas partidas esgotadas no orzamento e tras pagar máis de 1,2M€ en débedas que deixaron a autónomos e pequenos empresarios, estamos en disposición de continuar coa nosa reforma e facer novas rebaixas de impostos, e o facemos no imposto que máis afecta á cidadanía e sen poñer en risco a prestación dos servizos públicos”.
Por último, o alcalde pon en valor que “en ano e medio fomos capaces de xestionar con moita dificultade e eficiencia unha situación económica moi complicada para o Concello de Poio pero, ademais, fomos capaces de facer as primeiras rebaixas de impostos e taxas do Concello de Poio en moitos anos. Este é o noso modelo, queremos que os veciños paguen uns impostos xustos”.